O paro rexistrado sobe na Galiza en febreiro malia baixar no conxunto do Estado

Tres de cada catro novos contratos son con carácter temporal e só un indefinido.
Un operario traballa na planta de Stellantis en Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
photo_camera Un operario traballa na planta de Stellantis en Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

Segundo os últimos datos que vén de actualizar o Ministerio de Traballo e Economía Social, o paro rexistrado na Galiza subiu este mes de febreiro en 577 persoas (un incremento de 0,37%) a respecto de xaneiro.

No conxunto do Estado español, porén, o paro diminuíu 0,36% (11.394 persoas paradas menos). A redución encabézana Madrid (-4,43%) e Balears (-3,55%).

Variación interanual

Na comparativa interanual, porén, o país mellora as cifras en comparanza con febreiro de 2021, con 30.719 persoas menos no paro (-16,58%). Na actualidade hai 154.509 persoas rexistradas no paro en busca de emprego.

Este dato, con todo, reflicte unha recuperación máis lenta do mercado laboral que na media do Estado español, onde na comparativa mensual cae 0,36% e na interanual, 22,38%.

Deste modo, a caída interanual do paro rexistrado na Galiza é a cuarta menor a nivel estatal, só por diante de Ceuta (-16,93%), Cantabria (-15,63%), Melilla (-13,51%) e Euskadi (-10,24%). No extremo oposto da táboa, con maiores descensos do paro, fican Balears (-37,92%), Aragón (-29,83%) e Catalunya (-27,45%).

O sector servizos lidera o paro

Por sectores, o dos servizos é o que abrangue máis persoas paradas na Galiza, 109.378, seguido da industria (16.623), a construción (10.959) e a agricultura (5.665). As restantes persoas demandantes de emprego non tiveran un traballo previo en ningún sector.

A temporalidade impera nas novas contratacións

Este mes de febreiro asináronse no país 64.988 contratos —unha cifra que inclúe aqueles convertidos en indefinidos—, o que supón unha caída na creación de emprego de 8,39% a respecto do pasado mes de xaneiro, mais unha repunta de 32,16% en comparanza co mesmo mes de 2021. Este dato duplica a media estatal (+19,12%).

Porén, a meirande parte dos contratos (49.956) foron con carácter temporal, mentres os restantes 15.032 foron indefinidos —deles, 5.947 convertidos en febreiro a indefinidos—.

A pesar dos altos datos de paro rexistrado nestes sectores, os contratos creados en febreiro corresponderon aos servizos (48.166), a industria (11-504), a construción (3.358) e a agricultura (1.960).

Por outra parte, 4.791 persoas seguen acollidas no país a un ERTE extraordinario pola Covid-19, fronte ás 52.342 de febreiro de 2021.

Comentarios