A pobaoción ocupada aumentou en 17.000 persoas na Galiza no segundo trimestre do ano

A respecto do total de persoas desempregadas, Galiza fechou o primeiro semestre do ano con 152.400 parados, 5.900 menos que no trimestre anterior.
O grupo Stellantis (antiga PSA) ensambla en Vigo as baterías dos modelos eléctricos que se fabrican nas plantas españolas (Foto: Stellantis).
photo_camera O grupo Stellantis (antiga PSA) ensambla en Vigo as baterías dos modelos eléctricos que se fabrican nas plantas españolas (Foto: Stellantis).

O paro baixou en 5.900 persoas entre abril e xuño deste ano na Galiza, o que supón un 3,75% menos que no trimestre anterior, até situar o total en 152.400 desempregados, segundo a enquisa de poboación activa (EPA) que publica esta queinta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Este descenso intertrimestral, do 3,75%, é lixeiramente superior ao rexistrado polo conxunto estatal, do 3,01%. Mentres, en variación anual, do segundo trimestre de 2021 respecto ao mesmo período de 2020, hai 9.800 parados máis na Galiza, un 6,9% (tamén superior ao incremento do 5,22% da media).

Pola súa banda, a ocupación crece até os 1.076.700 persoas, que son 17.000 máis que no trimestre anterior (+1,6%) e 26.300 máis que no segundo trimestre do ano pasado (+2,51%).

Tamén soben os activos, en 11.000 respecto ao primeiro trimestre (+0,91%, por baixo da media) e 36.200 en variación anual (+3,03%, case a metade que a media), até 1.229.100 persoas.

A poboación galega de 16 anos e máis reduciuse en 700 persoas a respecto do primeiro trimestre pero incrementouse en 1.700 en comparación co segundo trimestre do pasado exercicio, de modo que se sitúa en 2.340.500 persoas.

Taxa de paro de 12,4%

Neste escenario, a taxa de paro galega sitúase en 12,4% e a de actividade en 52,51%. O desemprego rexistra unha taxa máis baixa para homes (11,27%) que para mulleres (13,61%).

De igual modo, a taxa de actividade é superior entre homes no territorio galego, de 56,88%, que entre mulleres, de 48,51%.

No conxunto estatal, o paro alcanza unha taxa case tres puntos superior á global galega, de 15,26%. Tamén é superior a de actividade, que rexistra un 58,58%.

Máis ocupados en todos os sectores salvo no primario

O Instituto Galego de Estatística (IGE) tamén publica esta quinta feira cifras relativas á EPA, e así recolle que, segundo a actividade económica, o número de ocupados neste trimestre aumentou en todos os sectores, excepto no primario.

Na industria, incrementouse en 300 persoas a respecto do primeiro trimestre do ano, a construción rexistra un aumento de 8.000 traballadores e nos servizos a alza cífrase en 8.700 persoas.

Pola contra, na agricultura e na pesca produciuse unha caída na ocupación de 100 persoas.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2020, a ocupación diminuíu en industria e sector primario (-8% e -0,3%, respectivamente), mentres que aumentou en servizos un 4,8% na construción un 8,8%.

Temporalidade de 24,2%

Na Galiza había 867.000 asalariados no segundo trimestre, 657.400 deles con contrato indefinido e os 209.600 restantes con contrato temporal.

Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 4.400 asalariados máis indefinidos, o que supón un incremento de 0,7 puntos en termos relativos.

Os temporais tamén aumentaron, neste caso en 10.800, o que representa en termos relativos unha suba de 5,4% en comparación co primeiro trimestre.

En variación interanual, diminúen os indefinidos, mentres aumentan os temporais un 11,5%.

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados, sitúase en 24,2%.

Fogares

No segundo trimestre, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 3.000 unidades, até 58.100. Son un 1,8% máis respecto ao mesmo período de 2020.

Pola súa banda, os fogares en que todos os seus membros activos son ocupados aumentan en 13.000, até 612.700, polo que son 7.700 máis que hai un ano, un 1,3% en termos relativos.

Paro xuvenil de 27,1% e temporalidade de 64,5%

Dos 320.300 mozos de entre 16 e 29 anos, 101.500 (o 31,7%) están ocupados, 37.700 (o 11,8%) parados e os 181.200 restantes (o 56,6%) restantes son inactivos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase en 31,7% no segundo trimestre de 2021, co que aumenta 1,4 puntos respecto ao trimestre anterior, pero descende 0,3 puntos en relación ao mesmo período de 2020.

A taxa de paro xuvenil alcanza o 27,1% neste trimestre, de modo que diminúe 0,2 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación con 12 meses atrás, aumenta 1 punto.

No segundo trimestre de 2021, 74,2% dos ocupados de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa, cifra que aumenta un 4,7% respecto ao primeiro trimestre. Mentres, os mozos ocupados a xornada parcial aumentan en 800.

En variación anual, cae a ocupación xuvenil a xornada completa (en 3.200 persoas) e aumentan os mozos ocupados a xornada parcial (en 2.900).

Dos 93.400 asalariados neste trimestre de entre 16 e 29 anos, o 35,5% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. Este dato diminúe un 13,3% respecto ao trimestre anterior e un 22,6% en comparación co mesmo período do ano anterior.

Os novos asalariados con contrato temporal aumentan un 19,4% respecto ao trimestre pasado e un 16,7% en comparación co mesmo trimestre de 2020.

Así as cousas, a taxa de temporalidade para este colectivo sitúase no 64,5%.

Principais concellos

Por último, se se comparan os datos do sete cidades principais da Galiza, obsérvase que Santiago e Lugo son as que presentaron as maiores taxas de ocupación (50,9% e 52,7%, respectivamente) e Ferrol é a que rexistra a menor (38,7%).

En canto a taxas de paro, Compostela é o municipio con menor valor (8,3%) e Ferrol volve presentar a taxa máis elevada, xa que alcanza o 17,6%.

Comentarios