A terceira xornada da folga nas conservas galegas sáldase co paro "case total" das traballadoras

Traballadores e traballadoras do sector exixen a aprobación dun convenio cunhas condicións laborais dignas, que lles permita consolidar e avanzar en novos dereitos e que repercuta na igualdade retributiva de homes e mulleres.
Protesta das profesionais do sector conserveiro en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta das profesionais do sector conserveiro en Vigo. (Foto: Nós Diario)

Por terceira vez, traballadores e traballadoras do sector conseveiro galego botáronse as rúas de Vilagarcía, Vigo, Boiro e Celeiro na defensa das súas condicións laborais.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) destacou o paro "case total" de profesionais do sector. O sindicato subliña que "o seguimento non parou de medrar dende a primeira xornada de folga, celebrada o pasado 21 de xaneiro". 

Na cidade de Vigo, unha "concorrida" manifestación percorreu a distancia ente o edificio da Xunta e a sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra. En Vilagarcíativo lugar unha concentración na praza de Galiza, en Boiro outra diante do Concello, e en Celeiro houbo unha mobilización ás portas de conservas Albo.

Un representante da central sindical que acudiu á protesta de Vilagarcía deu as grazas aos asistentes polo "compromiso coa loita por un convenio digno", e afirmou que "é un orgullo ter este equipazo de persoas loitando polos nosos dereitos”.

Unha loita que "non remata"

Durante a intervención, este representante sindical destacou que "a nosa loita non remata hoxe e non rematará ate conseguirmos un convenio digno para as persoas traballadoras do sector da conserva”.

As profesionais das conserveiras exixen un convenio que "garanta" o poder adquisitivo, que supoña “dunha vez por todas” a igualdade retributiva de homes e mulleres, no que fenda salarial “pase a formar parte da historia”.

Tamén piden que o convenio recolla as garantías legais para que o establecemento da quenda de fin de semana non supoña “en ningún caso" a modificación das actuais persoas traballadoras do sector, ademais de servir exclusivamente para a creación de emprego a través das empresas e non das ETT.

Mensaxe a patronal

A CIG tamén aproveitou para  enviar unha mensaxe á patroal. "Señores e señoras da patronal, cometeron un erro anulando a reunión do pasado 27 de xaneiro e volveron a cometer un erro rompendo a mesa de negociación o pasado 2 de febreiro”.

O principal sindicato galego instou o empresariado a que retome "de urxencia" as negociacións. Defende que para remediar os erros cometidos, a patroal debe acudir ás mesas de diálogo "con vontade negociadora para acadar un acordo definitivo".

Comentarios