O paro rexistrado en xullo baixa en 5.784 persoas na Galiza

A afiliación á Seguridade Social aumentou en 14.552 persoas.
Traballo co angazo (Foto: Elena Buch).
photo_camera Marisqueo a flote: Traballo co raño. (Foto: Elena Buch).

O número de persoas inscritas nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 5.784 na Galiza no mes de xullo, o que supón un descenso de 3,67%, por baixo de 5,47% de caída da media estatal, segundo os datos que publica esta segunda feira o Ministerio de Traballo.

Así, as persoas desempregadas na Galiza alcanzan as 151.934, o que implica 23.377 menos que hai un ano, cunha baixada de 13,33%.

No conxunto do Estado, a caída das persoas en paro foi de 197.841, o maior descenso rexistrado en calquera mes da serie histórica, de tal maneira que supera as dos meses de maio e xuño, que tamén fecharan con baixadas marca.

Sectores e contratos

Galiza reduciu o paro en todos os sectores, sobre todo nos servizos, con 3.847 persoas menos en paro. Na industria baixou en 733, na construción en 442, na agricultura en 438 e no colectivo sen emprego anterior en 324.

Pola súa banda, os contratos ascenderon a 101.172, que son 15.208 máis que en xuño (+17,69%) e 14.765 máis que en xullo de 2020 (+17,09%). Deles, 7.004 foron indefinidos e 94.168 temporais.

Os contratos indefinidos son 402 menos que o mes anterior (-5,43%) e 523 máis que 12 meses atrás (+8,07%), mentres que os temporais supoñen un aumento tanto mensual (15.610 máis, +19,87%) como interanual (14.242 máis, +17,82%).

Afiliación á Seguridade Social

No mesmo mes de xullo, a afiliación media á Seguridade Social gañou 14.552 cotizantes a respecto do mes de xuño, o que supón un aumento do 1,42%.

Son 30.605 máis que no mesmo mes de 2020, o que representa un ascenso do 3,04% até situar o total en 1.036.273 persoas ocupadas. No conxunto do Estado, a Seguridade Social sumou en xullo 91.451 cotizantes medios a respecto do mes de xuño e o número total de ocupados sitúase en 19.591.728 cotizantes.

O total repártese entre os 806.212 cotizantes do réxime xeral, 209.646 autónomos e 20.414 traballadores do mar.

Comentarios