O PP utiliza o paro rexistrado para restar importancia ao récord negativo da EPA

O número de persoas desempregadas no mes de abril sitúase en 270.144 en Galiza. As vacacións de Pascua elevan as altas á Seguridade Social e fai reducir o paro rexistrado.

Segundo os dados feitos públicos polas Oficinas dos Servizos Públicos de Emprego o número de persoas desempregadas rexistradas no mes de abril descendeu no noso país en 6.319. As vacacións de Pascua, que este ano tiveron lugar na segunda quincena de abril, maquillan a taxa de paro récord recollida pola Enquisa de Poboación Activa (EPA) e que sitúa o noso país en índices de desemprego históricos. 

Neste senso, no noso país 270.144 persoas solicitaron a súa alta como demandantes de emprego no mes de abril face o 23,20% (296.900 persoas) que reflectía a EPA do primeiro trimestre de 2014 feita pública hai unha semana. 

O paro rexistrado contabiliza @s demandantes de emprego do mes de abril a respeito d@s de marzo

Así mesmo, segundo os dados coñecidos esta terza feira (6 de abril) o número de persoas afiliadas á Seguridade Social aumentou 3.443 cotizantes situando as cifras de ocupación en 909.493 persoas. Moitos deles froito de postos de traballo estacionais vencellados ao sector servizos.

Unha realidade que se traduce no conxunto do Estado español en 111.565 persoas menos rexistradas no desemprego a respeito do mes de marzo. Neste senso, o número de desempregad@s na economía española sitúase en 4.684.301 face @s 5,933.300 contabilizad@s pola EPA.

Nos últimos días, @s responsábeis de Traballo do Goberno español e da Xunta de Galiza gabáronse de que os dados do paro rexistrado coñecidos hoxe mellorarían as taxas de desemprego publicadas na EPA, un indicador que continúa a ser menosprezado por boa parte dos líderes políticos da dereita como Núñez Feijóo e Mariano Rajoy pola consideraren "unha enquisa". Porén, esta é a única estatística oficial recoñecida pola Unión Europea.

Comentarios