luns 18/10/21

O paro rexistrado descendeu en 5.472 persoas en maio

Nestes doce meses esa baixada foi en máis de 25.000 persoas rexistradas no desemprego.

 

O paro rexistrado descendeu en maio na Galiza en 5.472 persoas, unha redución do 3,2%, na liña da media do Estado, que nese mesmo mes descendeu en 3,3%.

Se a comparación a facemos co mesmo mes de 2020, os datos do Ministerio publicados esta cuarta feira indican que esa baixada foi de 25.776 desempregadas, unha diminución aquí si por riba do ritmo do Estado.

Este comportamento en maio a respecto do mes anterior, abril, deuse en todos os sectores, nomeadamente no de servizos, onde o paro rexistrado baixou en catro mil persoas.

En canto á afiliación á Seguridade Social, aumentou en 8.534 novos afiliados e afiliadas e sitúase por riba do millón de persoas.

 A 31 de maio, do total de afiliados á Seguridade Social había na Galiza 22.863 persoas afectadas por algún tipo de  ERTE, o que supón 4.135 menos que o mes anterior, un 15,3 %, un descenso algo superior á media do Estado, que foi do 15,06 % no mesmo período.

Galiza rexistrou un incremento dos contratos en maio, até 66.533, que son 911 máis que en abril (+1,39%) e 35.660 máis que no mesmo mes de 2020 (+115,51%).

Deles, 6.385 foron indefinidos (1.078 menos que en abril, o que supón un descenso do 14,44%) e 60.148 temporais (1.989 máis, un aumento do 3,42%). No acumulado, son 303.812 contratos, a maior parte (268.880, o 88,5%) temporais.

Por último, as prestacións -correspondentes ao mes de abril porque estes datos sempre saen cun mes de atraso respecto dos do paro- chegaron a un total de 102.893 galegos ese mes.

comentarios