O paro rexistrado baixou en 4.509 persoas na Galiza mais continúa por riba do que había hai un ano

A afiliación á Seguridade Social segue por baixo do millón de persoas afiliada. Marzo pecha con 34.759 traballadores en ERTE na Galiza.

Oficina de emprego, paro, traballo. Foto de Arxina
photo_camera (Foto: Arxina)

O paro rexistrado baixou en 4.509 persoas na Galiza no mes de marzo, situándose en 180.719 desempregados e desempregadas. Unha cifra que, porén, é superior en 6.329 persoas ás que había rexistradas nese mes do ano pasado, 2020.

O paro en marzo a respecto de febreiro descendeu en todos os sectores, mais nomeadamente no de servizos, onde o desemprego rexistrado baixou en máis de 3.500 persoas.

En canto á afiliación á Seguridade Social, aumentou en marzo en 4.704 persoas. É de 998.773 persoas afiliadas, por baixo do millón. Con todo, a Seguridade Social na Galiza ten agora case 4.000 afiliacións menos que hai un ano.

No conxunto estatal, o paro baixou en 59.149 desempregados en marzo (-1,5%), o seu maior retroceso neste mes desde o ano 2015, cando descendeu en 60.214 persoas. Traballo destaca que se trata do terceiro mellor dato dentro da serie histórica do mes de marzo.

ERTE

O número de traballadores e traballadoras en expedientes de regulación temporal de emprego ( ERTE) pechou o mes de marzo na Galiza en 34.759 persoas, o que supón 46.665 menos que en febreiro, segundo os datos que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

No conxunto estatal, os traballadores en  ERTE situáronse en 743.628 persoas ao termo do terceiro mes do ano, co que son 115.913 menos que en febreiro na serie revisada e 155.913 menos en función da data de notificación.

Contratos

En marzo rexistráronse na Galiza 62.004 contratos, dos cales 52 783 foron temporais; isto é, quince de cada cen contratos foron indefinidos. En termos mensuais, a contratación medra un 26,04 %, mentres que en termos anuais o incremento é dun 10,89 %.

Os sindicatos lamentan que este aumento da contratación e descenso do paro rexistrado se faga sobre temporalidade e prerariedade. "A contratación de Semana Santa non consegue nin achegar o emprego a febreiro de 2020, último antes do confinamento A contratación temporal no sector Servizos reduciu levemente o número de persoas desempregadas", indican desde a CIG.

En CCOO sinalan que "a 'tímida' recuperación do emprego en marzo constrúese sobre a precariedade laboral".

De por parte, UXT incide en que "hai que manter os ERTE mentres o emprego o requira e acelerar a vacinación para recuperar plenamente a actividade". 

Comentarios