O paro rexistrado baixa en maio en Galiza en 5.595 persoas

O descenso foi de 3,07% e a afiliación á Seguridade Social amentou en 0,88%.

paro desemprego traballo

O paro rexistrado descendeu en maio en Galiza en 5.595 persoas, unha redución de 3,07%, o que é un comportamento máis positivo que o rexistrado nese mes no conxunto do Estado español, onde esa baixada foi de 2,51%. Foi servizos o sector que máis tirou dese descenso: das 5.595 persoas que saíron do paro rexistrado en Galiza, 3.275 fórono en servizos.Na construción o desemprego baixou en 912 persoas, na Industria en 879 e na agricultura en 261.

O número de contratos asinados neses 31 días foi alto, máis de 96.000, o que é un aumento de 17,5% a respecto do mes anterior, abril. Dos 96.189 contratos pactados, a gran maioría continúan a ser temporais: case 88.000. Así pois, a temporalidade continúa a ser un dos elementos do mercado temporal galego.

No que atinxe á afiliación á Seguridade Social, esta aumentou en maio en 0,88% (8.675 persoas), mentres que no Estado ese incremento foi de 1,27%. Na comparativa interanual, o aumento da afiliación á S.S. no noso país foi de 2,76% mentres que no Estado estivo en 3,1%.

“Un maio paradigmático onde constatamos a crecente precariedade laboral que se consolida no mercado de traballo en Galiza”, afirma o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle quen chama a atención sobre o feito de que para reducir o paro rexistrado en 5.500 persoas fixéronse case 100.000 contratos. “Máis de 17 contratos por persoa nun mes. Un contrato cada dous días”. Na mesma liña, Comisións Obreiras (CCOO) advirte de que a mellora dos datos do paro rexistrado non pode estar baseada mes a mes en postos de traballo "cada vez máis precarios". A secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, coida particularmente "escandalosas" as cifras da contratación temporal, pois no último mes asináronse, de media, once contratos para cada afiliación á seguridade social: 96.189 contratos para 8675 persoas.

Comentarios