O paro rexistrado na Galiza baixa en 9.941 persoas en abril

O descenso deuse en todos os sectores, nomeadamente no de servizos.

photo_camera A construción, un dos sectores onde descendeu o paro rexistrado.

O paro rexistrado na Galiza baixou en 9.941 persoas en abril, un descenso de 5,5%, moi superior á media do Estado español, onde esa redución nas persoas rexistradas no desemprego é de 0,9%.

Hai na Galiza un total de 170.778 persoas anotadas no paro, o que supón un 10,8% menos que hai un ano, en abril de 2020, un mes aquel marcado polo confinamento e a paralización de gran parte da actividade económica.

A baixada deuse en todos os sectores mais con especial incidencia no de servizos, onde esa baixada foi de 8.839 persoas.

No que atinxe a contratos laborais, asináronse máis de 65.000. A gran maioría delas (58.000), temporais.

No conxunto estatal, o desemprego baixou en 39.012 persoas en abril (-1%), o seu maior retroceso neste mes desde o ano 2012, cando só descendeu en 6.632 persoas, segundo datos do Ministerio de Traballo, que destacou que nos dous últimos meses (marzo e abril) perto de 100.000 persoas abandonaron as listas do paro.

A Seguridade Social gañou en abril unha media de 3.260 cotizantes na Galiza en relación co mes anterior, un 0,33%, por baixo da media estatal (que rexistrou un aumento do 0,7%), até situar o total en 1.001.994.

En comparación cos datos de hai un ano, cando Galiza estaba en pleno confinamento domiciliario, a afiliación ascende un 2,79%, con 27.223 persoas máis de alta.

Comentarios