Case 25% das novas persoas desempregadas no Estado español no mes de novembro están en Galiza

O paro rexistrado aumentou na Galiza en 6.165 persoas en decembro

Oficina de emprego, paro foto de arxina
photo_camera (Foto: Arxina)

O paro rexistrado na Galiza aumentou en 6.165 persoas no mes de novembro, o que supón un incremento de 3,4% fronte ao 0,6% de media no Estado.

A soba do desemprego desde novembro do ano pasado até agora foi de 21.813 persoas, un 13% máis. Porcentaxe neste caso inferior á media estatal, que foi nestes 12 meses de 20%.

No conxunto estatal, o paro rexistrado aumentou en 25.269 desempregados en novembro (+0,6%), a súa maior alza neste mes desde o ano 2012, cando se incrementou en máis de 74.000 persoas, até situar o volume total en 3.851.300, o que supón 653.128 desempregados máis que un ano antes (+20,4%).

A Seguridade Social perdeu en novembro unha media de 2.134 afiliados na Galiza en relación con outubro, o que supón un descenso do 0,21%, até situar o total en 1.009.884 persoas, segundo os datos que publica o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

CIG e CCOO coinciden en sinalar que perto do 25% das novas persoas desempregadas no Estado español no mes de novembro están en Galiza. A central nacionalista incide en que fomos o segundo territorio onde máis medrou o desemprego rexistrado o mes pasado en termos relativos, pero a primeira en termos absolutos. Unha evolución que o secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle, cualifica de “nefasta” e que afecta a todas as provincias e a todos os sectores.

Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, a necesidade de medidas sanitarias para controlar a evolución da pandemia, “deben ir acompañadas de medidas socioeconómicas que garantan o mantemento da actividade e do emprego”

Comentarios