O paro rexistrado aumenta na Galiza en 2.447 persoas e a afiliación descende en 13.753

A baixada do desemprego en sectores como Industria e Construción non compensa o importante aumento en Servizos.

As tendas xa anuncian as rebaixas. (Xoán Roberes)
photo_camera (Xoán Roberes)

Xaneiro é un mes tradicionalmente malo para o emprego. Pasada a ‘resaca’ do tirón da contratación nun mes de consumo como Decembro, o paro rexistrado aumenta no primeiro mes do ano. Isto é o que volveu pasar neste xaneiro de 2020: na Galiza, 2.447 persoas paradas máis. No Estado a cifra é de 244.000.

O aumento do desemprego, en 1,48%, fica por baixo do rexistrado de media no Estado, 2,85%. Na comparativa interanual, é dicir de xaneiro de 2019 ao mes pasado, o número de persoas rexistradas no paro na Galiza baixou en 7.045, situándose a cifra de desempregadas en 167.755.

Servizos é o sector onde máis bate o desemprego: 3.202 persoas máis rexistradas no paro. Unha cifra que afoga a baixada do paro no resto de actividades, como Construción ou Industria.

Afiliación

Na Galiza o número de persoas afiliadas á Seguridade Social é de 1.006.506, o que supón un descenso de 13.753 a respecto do mes anterior, decembro. A respecto de xaneiro de 2019, a afiliación aumentou en 14.136, o que é un 1,4%, 4 décimas menos que o incremento no Estado (1,8%).

Comentarios