4.809 afiliad@s menos á Seguranza Social

O paro rexistado aumenta na Galiza en decembro nun contexto de queda do desemprego no Estado

Maos resultados para o mercado laboral na Galiza. En decembro o paro rexistado aumentou nun total de 2.360 persoas, mentres que no conxunto do Estado desceu en 86.849.

paro, desemprego

Dados negativos para Galiza na variación mensal (de novembro de 2016 a decembro de 2016) e positivos na inter-anual. Iso é o que deitan as estatísticas do INEM sobre a evolución do mercado laboral no noso país. Destarte, en decembro o paro aumentou a respeito de novembro o 1,16 por cento, isto é, en 2.360 persoas, face un descenso de 2,29 por cento (86.849) no conxunto do Estado. En troca, se ollamos o asunto de ano en ano, as cousas melloran. O paro desceu na Galiza no conxunto dos últimos doce meses un 10,01 por cento (22.894 persoas desempregadas menos), un dado lixeiramente superior ao estatal (descenso de 9,54 por cento e 390.534 persoas paradas menos).

En decembro o paro desceu en todas as comunidades do Estado agás en catro: Cantabria (aumento de 1,61 por cento), Nafarroa (incremento de 2,90, o maior de todos), a Rioxa (0.73) e Galiza (1,16).

Por contra, a maior queda do paro produciuse en Andalucía, cun retroceso de 4,32 por cento.

Se tomamos a focaxe inter-anual, veremos que superan Galiza en queda do paro sete comunidades autónomas, lideradas por A Rioxa (o desemprego desceu en 13,08 por cento) e Catalunya (12,03 por cento).

En todo caso, teñamos sempre en conta que a estatística do INEM mide só o paro rexistado, non o real. O indicador máis fiel do mercado laboral, e o único considerado oficial por Eurostat, é a EPA. Porén, os dados de ambas estatísticas vanse achegando. Segundo as oficinas dos servizos públicos de emprego, habería neste momento no noso país 205.914 persoas no paro. En troca, segundo a EPA, serían 207 mil (unha taxa de 16,4 por cento, dados referidos ao terceiro trimestre de 2016).

Cinco mil afiliad@s menos á Seguranza Social

Outro dado nidiamente negativo para Galiza é a evolución do número de persoas afiliadas á Seguranza Social, isto é, aquelas traballadoras e traballadores que cotizan. Así, se o paro aumentou en 2.360 persoas máis (demandantes de emprego), a afiliación á SS caeu en case 5 mil, en concreto en 4.809 persoas, unha queda de 0,50 por cento. Neste epígrafe saímos perdendo en comparación con España, que entre novembro e decembro conseguiu aumentar o número de afiliacións en 0,39 por cento.

Se vemos os dados a un ano vista, entre decembro de 2016 e decembro de 2015, Galiza tamén sae pior parada que o Estado. Aquí as afiliacións apenas aumentaron un 1,86 por cento (17.613 persoas), en tanto que no Estado incrementaron en 3,2 por cento. 

Comentarios