Paro nas lonxas de Vigo e A Coruña en apoio ao cerco

Dúas das principais salas do país amenceron sen actividade para se solidarizar coas reivindicacións dos cerqueiros galegos. Armadores e mariñeiros participan nunha manife en Asturies.

cerco
photo_camera [Imaxe: Iria Aboi]

Como se fose un domingo. É dicir, sen actividade. Así amenceron esta sexta feira as lonxas de A Coruña e Vigo en resposta á chamada de solidariedade do sector do cerco galego, que leva semanas demandando un reparto xusto das cotas de xarda e xurelo. Mentres na lonxa da Coruña o paro é total na de Vigo abriron uns poucos postos mais a actividade é “anecdótica”.

Que estas prazas paren non é algo anecdótico, tendo en conta o importante motor económico que representan. En 2013 as lonxas coruñesas subastaron case 40.000 toneladas de recursos do mar xerando unha facturación en primeira venda de máis de 83 millóns de eurtos. Neses doce meses nas lonxas vigueses vendéronse 33.130 toneladas de peixe, marisco, cefalópodos... cun volume de negocio superior os 100 millóns de euros.

Manife en Vigo e delegación no Congreso

Mariñeiros galegos desprazáronse esta sexta a Asturies para tomar parte na manifestación que decorre en Oviedo exixindo un reparto xusto dos topes. A frota asturiana tamén rexeita o reparto feito polo Ministerio. Nesta autonomía o seu goberno manifestou desde un primeiro momento o apoio ás demandas do sector do cerco asturiano.

En conversa con Sermos Galiza, o secretario xeral da CiG-Mar, Xavier Aboi, asegurou que arredor de 2.000 persoas están a tomar parte da mobilización, boa parte delas procedentes do cerco galego. Aboi sinalou que se atoparon cun "importante dispositivo policial" embora até o momento a manifestación transcorre con normalidade. 

Tamén así, o deputado do BNG, Daniel Rodas, participa na mobilización. 

Aliás, unha delegación de cerqueiros galegos vai estar esta sexta no Congreso d@s deputad@s. A finalidade, explica a situación da frota galega e gañar apoios para que o Ministerio modifique os criterios de reparto. Algo que non semella doado pois o propio secretario xeral de Pesca afirmou esta semana que “non imos cambiar o reparto”.

Criterios sociais

A CIG-Mar vén de reclamar un reparto das cotas do cerco baseado en criterios sociais, apostando por unha fórmula na que as cantidades se asignen en función do número de tripulantes de cada flota. A central insiste en que a Xunta ten que abrir unha mesa de negociación na que estea representando o sector no seu conxunto.

Comentarios