O paro de longa duración enquístase na Galiza

A metade das persoas no desemprego levan máis dun ano sen atopar ocupación. Son 71.600, das cales case 51.000 acumulan máis de dous anos sen emprego.

O paro de longa duración atinxe en Galiza 71.600 persoas, case a metade das que están rexistradas no desemprego no noso país, 148.000. Ademais, 50.700 levan sen atopar traballo un mínimo dous anos.

Galiza está no podio do Estado español de territorios cunha taxa maior de paro de longa duración (PLD). É dicir, de persoas que levan máis dun ano no desemprego. En 2018 a metade das persoas rexistradas no desemprego no noso país eran paradas de longa duración, un peso que se mantén. Unha porcentaxe que só superaba a nosa veciñanza Asturies, con 50,2%. Así pois, temos seis puntos máis de persoas en paro de longa duración que a media española (44,5%) e que a Unión Europa (45%). 

A comezos da crise o PLD non chegaba a 3,5 e agora está por riba de 6%. Catro de cada dez persoas no paro na Galiza levan máis de dous anos nesa situación, máis un sinal da cronificación do problema.

A suma destes datos con outros que se desprenden do informe de paro rexistrado do Ministerio de Traballo publicado esta segunda feira indican que a recuperación é descoñecida en non poucos fogares de Galiza. Así, no noso país hai 54.200 vivendas con todos os seus activos no paro e 27.000 sen perceptores de ingresos. A precariedade e temporalidade do mercado laboral galego é tal que hai 226.800 persoas asalariadas cun contrato temporal, dos que 3.000 teñen contratos de tan só un día e 11.300 teñen contratos que non chegan nin ao mes de duración.

Comentarios