O paro en Galiza sobe en xaneiro máis dun punto por riba da media española e sumou 177 novas desempregadas cada día

Aumentou en 5.505 persoas en xaneiro. Decembro supuxo un 'parón' no incremento do paro que se levaba rexistrando desde xullo. A Seguridade Social perdeu nese mes case 14.000 persoas afiliadas. Os sindicatos denuncian o "deterioro" do mercado laboral galego.

obreiros construcion paro
photo_camera Construción foi o único sector onde non aumentou o paro rexistrado en xaneiro.

Decembro permitiu un respiro no mercado laboral galego. Nese mes descendeu o paro, un comportamento habitual nun mes de aumento do consumo e tradicionalmente un dos puntos fortes do emprego estacional. Interrompíase así a secuencia de varios meses de consecutivos aumentos de paro, de xullo a novembro.

Mais xaneiro supuxo a volta á realidade: o número de persoas rexistradas no desemprego incrementou en 5.505 a respecto de decembro, unha media de 177 cada día, e sitúase en 174.800. Aumentou, pois, en 3,2%, por riba da media española, que foi de 2%. O paro subiu en todos os sectores agás construción, onde a redución foi case anecdótica (3 persoas).

Mantense, iso si, o peso da temporalidade nos novos contratos que se crean. Asináronse algo máis de 82.000 ao longo de xaneiro e deles máis de 74.000 eran de carácter eventual, o que supón 90% do total. O nivel de temporalidade na Galiza supera 27%, unha porcentaxe que nos sitúa moi por riba da media europea e á par daqueles Estados que, como Polonia, lideran o ranking de temporalidade laboral.

Seguridade Social

A afiliación á Seguridade Social na Galiza situouse ao remate de xaneiro en 992.737 persoas, volvendo caer o país por baixo do millón de filiacións. En apenas un mes Galiza perdeu 13.737 persoas afiliadas, unha baixa de 1,4%, porcentaxe que, ao igual que a do paro rexistrado, rexistra un peor comportamento que a media española.

Para o secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle, estes datos evidencian o continuo deterioro do mercado laboral e o empobrecemento da clase traballadora, condicións que favorecen que Galiza siga a sufrir o drama da emigración, especialmente entre a xente máis nova. Por todo isto, Cartelle reitera a “urxente necesidade” de lograr a derrogación das reformas laborais “que unicamente crean emprego lixo e afondan no empobrecemento e na exclusión social da clase traballadora", dixo.

CCOO de GalIza considera que os datos confirman a ralentización do mercado laboral galego. A secretaria de Emprego, Maica Bouza, lamenta que, unha vez máis, Galiza comece o ano "á cola de España" circunstancia que atribúe á "fraxilidade do noso tecido produtivo", caracterizado pola estacionalidade e a precariedade.

Comentarios