O paro cae na Galiza once puntos por baixo da media do Estado

Segundo os datos da EPA, no último trimestre de 2021 o país perdeu 21.200 persoas ocupadas.
Oficina de Emprego de Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Oficina de Emprego de Compostela (Foto: Arxina).

O paro baixou en 7.600 persoas en 2021 na Galiza, o que supón 5,3% menos que no exercicio anterior, ao tempo que se crearon até 10.300 postos de traballo no conxunto do país, (+0,96%), segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Desta forma, o paro descendeu na Galiza moi por baixo da media estatal, xa que en toda España este rexistro caeu 16,5%, con até 615.900 persoas menos paradas. O mesmo acontece co número de empregos creados, que ascendeu 4,3% en todo o Estado, até 840.700 postos de traballo.

Pola súa parte, o total de desempregados na Galiza fechou o ano pasado en 135.100 persoas, mentres que o total de activos ficou por riba dos 1,09 millóns de persoas, mais cunha taxa de paro de 11,01%, mellor que a media estatal, do 13,33%.

Só no último trimestre, o país perdeu 21.200 persoas ocupadas, 1,9% menos, mentres que aumentou o número de desempregados en 8.300, situándose así entre os territorios con maiores descensos do emprego no último trimestre de 2021, só por detrás de Balears (73.200 empregos perdidos), e entre as que máis incrementos do paro tiveron, tamén só por detrás de Balears (+21.900).

Datos estatais

A baixada do paro en 2021 supón a volta aos descensos logo de que a crise desatada pola Covid provocase unha suba do paro en 2020 de case 528.000 persoas. No caso da ocupación, tamén se retoma a senda alcista após un 2020 no que se destruíron 622.000 postos de traballo.

A taxa de paro ficou ao remate de 2021 en 13,33%, unha porcentaxe máis de 1,2 puntos inferior á de 2020, mentres o número total de desempregados fechou o exercicio en 3.103.800 persoas e o de ocupados, en 20.184.900, o nivel máis alto desde 2008, segundo os mesmos datos da EPA

O incremento da ocupación concentrouse en 2021 no sector privado, coa creación de 744.300 empregos, recuperándose o nivel previo á crise, fronte aos 96.400 que se crearon no sector público. Aliás, a repunta do emprego no último ano foi superior nos traballadores con contrato indefinido, 425.000 ocupados máis, frente a 307.700 novos temporais.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios