Mulleres e servizos: o paro baixa en 1.173 persoas na Galiza no mes de marzo

O desemprego entre menores de 25 anos subiu, mais o número de parados novos inscritos nas oficinas de emprego alcanzou a súa cifra máis baixa neste mes dentro da serie histórica.
Unha muller traballa con tapabocas no Parque do Río Rato, en Lugo (Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Unha muller traballa con tapabocas no Parque do Río Rato, en Lugo (Carlos Castro / Europa Press).

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 1.173 persoas na Galiza durante o mes de marzo (-0,76%), situándose entre os tres territorios do Estado onde máis descende.

Segundo os datos publicados esta segunda feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social, a cifra total de desempregados na na Galiza queda en 153.336 persoas. Retrocede un 15,15% con respecto ao mesmo mes de 2021, con 27.383 parados menos.

Así, a Galiza colócase entre as nove comunidades onde baixou o paro en marzo, con Canarias á cabeza (-3.381 persoas), seguida de Illas Baleares (-3.014 persoas) e da Galiza. Andalucía (+1.911 persoas), País Vasco (+1.270 persoas) e Aragón (+1.140 persoas) son os territorios onde máis subiu o paro o mes pasado.

No conxunto do Estado, o número de persoas paradas rexistradas baixou en 2.921 (-0,09%), vinte veces menos do que descendeu no mes de marzo de 2021, cando retrocedeu en 59.149 persoas.

A caída do desemprego en marzo situou a cifra total de desempregados en 3.108.763 persoas, o nivel máis baizxo nun mes de marzo desde 2008, segundo datos do Ministerio de Traballo e Economía Social.

No último ano o desemprego acumula un descenso de 840.877 parados, o que supón un 21,3% menos, cun retroceso do paro feminino de 446.671 mulleres (-19,6%) e unha caída do desemprego masculino de 394.206 homes (-23,6%).

Mulleres e mocidade

O paro só baixou en marzo no sector servizos, que restou 18.090 desempregados (-0,8%), e subiu no resto de sectores, principalmente no colectivo sen emprego anterior, que sumou 6.764 parados (+2,7%) e na construción, onde aumentou en 5.664 persoas (+2,3%). Pola súa banda, na agricultura incrementouse en 1.568 desempregados (+1%) e na industria, en 1.173 parados (+0,4%).

O paro retrocedeu en marzo entre as mulleres e subiu nos homes. Así, o desemprego masculino aumentou en 6.298 persoas en marzo (+0,5%), fronte a un descenso do paro feminino de 9.219 mulleres (-0,5%). Deste xeito, ao finalizar o terceiro mes do ano, o número de mulleres en paro situouse en 1.831.428 e o de homes, en 1.277.335.

Por idades, o desemprego entre os mozos menores de 25 anos subiu un 3,3% en marzo, con 7.365 parados máis que ao feche de febreiro, mentres que o paro das persoas con 25 anos e máis baixou en 10.286 desempregados (-0,3%).

Pese á repunta de marzo, o número de parados novos inscritos nas oficinas de emprego alcanzou a súa cifra máis baixa neste mes dentro da serie histórica, cun total de 232.842 desempregados. Supón, ademais, un descenso do 34,9% en comparación con marzo de 2021.

Contratación indefinida

En marzo rexistráronse 1.671.841 contratos, un 19,1% máis que no mesmo mes de 2021. De todos eles, 513.677 foron contratos indefinidos, a maior cifra de toda a serie en calquera mes.

Este volume de contratos fixos é un 147,9% superior ao de marzo de 2021 e representa o 30,7% do total de contratos efectuados no terceiro mes do ano, fronte ao 14,8% de marzo de 2021, cando aínda non estaba en vigor a reforma laboral.

Desde o mes de decembro de 2021, cando o total de contratos fixos supuña o 10,3% da contratación, os contratos indefinidos triplicaron o seu peso debido á reforma laboral, vixente desde finais de decembro do ano pasado.

Nos tres primeiros meses do ano realizáronse 4.712.230 contratos, un 20,2% máis que no primeiro trimestre de 2021. Desta cantidade, 1.069.190 foron contratos fixos, máis do dobre que entre xaneiro e marzo do ano pasado (+130,5%).

En comparación con marzo de 2019, é dicir, en ausencia de pandemia, en marzo deste ano efectuáronse 334.000 contratos indefinidos máis e 372.000 temporais menos.

O Ministerio informou ademais de que o gasto en prestacións derivadas de traballadores en ERTE alcanzou en febreiro (último dato dispoñible) a cifra de 82 millóns de euros, por encima dos 80 millóns de xaneiro e o mesmo que en decembro de 2021.

Afiliacións

A Seguridade Social gañou unha media de 2.311 cotizantes no mes de marzo na Galiza, o que supón un 0,23% máis que no mes anterior, até alcanzar os 1.028.457 afiliados.

Segundo datosdo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, no último ano a Galiza gañou 29.724 cotizantes, o que supón un 2,98% máis.

Comentarios