O sector servizos evita un aumento do paro na Galiza

Os niveis de desemprego medraron en decembro na agricultura, a industria e a construción, mais caeron nos servizos. O paro, porén, baixa a un ritmo dous puntos inferior ao do conxunto do Estado español.

Oficina de Emprego de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Oficina de Emprego de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego amosou en 2022, na Galiza, un descenso de 10.362 persoas, segundo os datos que publica esta terza feira o Ministerio de Traballo e Economía Social.

Deste modo, o total de persoas desempregadas no país sitúase en 142.222, que son 536 menos que en novembro, o que supón un descenso intermensual —de novembro a decembro— de 0,38%. Isto a pesar de que aumentou en 44 parados a agricultura, en 318 a industria e en 342 a construción. Así, a evolución negativa veu marcada polos datos positivos do sector servizos, con 955 desempregados menos, así como o colectivo sen emprego anterior, onde tamén baixou, neste caso en 285 persoas.

Con base nestes mesmos datos, na Galiza máis da metade das persoas paradas (82.374) son mulleres, por volta dun total de 59.848 homes. Do total, 5.531 galegos e galegas desempregadas teñen menos de 25 anos (46,7% son homes e 53,3%, mulleres), namentres as e os restantes superan ese limiar de idade (41,7% de homes fronte a 58,3% de mulleres).

No que atinxe á demanda de emprego, o país rexistrou 217.219 demandantes, deles 43.053 ocupados, 21.294 que indicaron condicións especiais de traballo e 152.872 non ocupados. Estes últimos son 1.345 menos que en novembro (-0,87%) e 10.602 menos que en decembro de 2021 (-6,49%). Pola súa parte, o desemprego afecta na Galiza, ao remate de 2022, a 10.473 estranxeiros, un menos que en novembro (-0,01%) e 157 máis que ao finalizar 2021 (+1,52%).

Entre tanto, asináronse 52.044 contratos en decembro, que son 11.374 menos que en novembro (-17,93%) e 20.870 menos que en decembro de 2021 (-28,62%). Deles, 15.259 foron indefinidos (5.268 menos que en novembro e 8.364 máis que en decembro do ano anterior) e 36.785 temporais (6.106 menos que en novembro e 29.234 menos que en decembro do ano anterior). Deste modo, no acumulado, a Galiza conta con 845.243 contratos: 270.520 indefinidos, (32% do total) e 574.723 temporais (68%).

E a respecto das prestacións, que sempre van cun mes de atraso en comparanza cos datos do paro, o gasto no país ficou nuns 83 millóns en novembro, cunha contía media de 874,9 euros. Os beneficiarios foron 84.477, tras contabilizarse un total de 45.924 solicitudes e 43.817 altas, e un prazo de recoñecemento de 0,65 días.

No conxunto do Estado español, por outra parte, o desemprego baixou a nivel xeral en 268.252 persoas (-8,6%), até un total de 2.837.635 desempregados, a menor cifra nun remate de ano desde o exercicio 2007.

Comentarios