O Parlamento solicita por unanimidade o indulto para Tamara e Ana

A Cámara aprobou hoxe co apoio de todas as forzas con representación parlamentar sumarse á solicitude de que o Consello de Ministr@s lles conceda a medida de graza parcial.

O Parlamento galego aprobou esta cuarta feira (25 de xuño) unha declaración institucional mediante a cal a institución se suma á petición de indulto para as traballadoras da piscina de Montecelo (Pontevedra) acusadas dun delito contra os dereitos dos traballadores. Ambas as dúas foron condenadas a tres anos de cadea pola Audiencia Provincial. 

A Cámara insta na súa declaración ao Consello de Ministr@s a conceder a "medida de graza" --un indulto parcial-- para "evitar o seu ingreso en prisión". Da mesma maneira o pleno do Concello de Pontevedra --co apoio de todas as forzas con representación-- tamén se sumou á petición que reclama a medida de graza para as dúas traballadoras. 

O lexislativo xa solicitara o indulto tamén para Carlos Rivas e Serafín Rodríguez que ao igual que Tamara Vidal e Ana María González están a piques de entrar en prisión acusad@s do mesmo delito. No seu caso os feitos que foron xulgad@s pola Audiencia Provincial de Pontevedra reférense á folga desenvolvida polo sector do transporte en 2008. 

A vindeira segunda feira (30 de xuño) CIG, CC.OO e UGT convocan mobilizacións en todo o país para exixiren o indulto destes dous operarios baixo o lema "defender os dereitos da clase traballadora non é delito". 

HORAS E LUGARES

  • A Coruña: 30 de xuño ás 20:00 na Casa do Mar
  • Ferrol:  30 de xuño ás 20:00 na Praza de España
  • Compostela:  30 de xuño ás 20:00 na Praza de Galiza
  • Ribeira:   30 de xuño ás 20:00 na Praza do Concello
  • Lugo:   30 de xuño ás 20:00 na Ronda da Muralla (Edificio Sindical)
  • Viveiro:   30 de xuño ás 12:30 nos Xulgados
  • Monforte:   30 de xuño ás 20:00 nos Xulgados
  • Ourense: 30 de xuño ás 20:00 no Pavillón dos Remedios
  • Pontevedra:   30 de xuño ás 20:30 na Praza da Peregrina
  • Vilagarcía:   30 de xuño ás 20:30 na Casa do Mar
  • Vigo: 30 de xuño ás 20:00 na Vía Norte

Comentarios