O Parlamento europeo adoptará medidas vinculantes contra a fenda salarial

A diferenza de salario entre mulleres e homes en Europa segue a ser un grave problema sen solucionar. A Comisión Europea debateu e vén de aprobar por ampla maioría a adopción dunha estratexia que será vinculante para os Estados membros. Na Galiza os sindicatos aplauden a iniciativa mais son escépticos coa súa implementación.
Dúas traballadoras len un informe nun laboratorio (Europa Press).
photo_camera Dúas traballadoras len un informe nun laboratorio (Europa Press).

A urxencia polo incremento continuado da fenda salarial peta na porta da Unión Europea. Esta pasada quinta feira 30 de xaneiro o Pleno do Parlamento Europeo aprobou unha resolución que dá luz verde a unha estratexia sobre este tema que incluirá medidas vinculantes para os Estados membros. A iniciativa parte da Comisión Europea e contou con 493 votos a favor, 82 en contra e 79 abstencións. 

Na resolución final ínstase a estabelecer mecanismos de control para favorecer a transparencia na fixación dos soldos que obrigaría por igual os sectores públicos e privados.  

Desta maneira o executivo comunitario amósase partidario de que se revise o plan de acción para a fenda salarial e pon como data o mes de marzo para presentalo. 

Máis igualdade nos salarios e nas pensións 

No debate previo sobre a fenda salarial no Parlamento Europeo, realizado hai unhas semanas, sinaláronse as principais razóns que posibilitan esta situación. Segundo o informe presentado pola Comisión Europea existe unha segregación sectorial a partir dunha excesiva representación das mulleres en sectores con salarios relativamente baixos en proporción aos homes que traballan en sectores mellor remunerados. Tamén inflúe que as mulleres empreguen máis horas en traballos non remunerados que os homes e a súa pouca presenza nos niveis de xerarquía. Alertan dun dato preocupante que non debería acontecer: seguen os casos en que as mulleres gañan menos que os homes por realizar traballos de igual valor malia estar consagrado o seu control nos tratados europeos. 

Entre as medidas propostas que figurarán na estratexia contra a fenda salarial está o axuste das cotizacións aos períodos dedicados a coidados, unhas pensións mínimas axeitadas, prestacións de supervivencia e a aprobación de permisos familiares tamén para os homes. A comisaria de Igualdade, Helena Dalli, comprometeuse, tamén, a que se facilite ás traballadoras europeas información sobre a súa escala salarial e requerir a todas as empresas que auditen ese tipo de información.

Sindicatos: satisfacción e escepticismo

CIG e CCOO consideran moi positivas estas medidas mais agardan a súa concreción pola experiencia que teñen doutras normas que están aprobadas e non se están a implementar. Desde a Secretaría da Muller da CIG Marga Corral lembra a Nós Diario que no Estado español todo o que ten que ver co rexistro salarial que se aprobou no decreto de 7 de marzo de 2019 aínda está pendente de aplicación. "Por exemplo coa inspección de traballo ou a aplicación dos convenios colectivos" indica, "o maior contacto que temos con ese tema é cos plans de igualdade e sempre se nos dá para atrás aos requirimentos sindicais por non estar concretada a regulación desa norma", engade. Outro caso é o precepto europeo de estender a baixa de maternidade máis alá das semanas actuais que aínda está pendente de aplicación.

O factor principal para Corral é saber como será o método de vixilancia que empregará a Comisión Europea para controlar que se apliquen esas medidas. "Co tema do cálculo das pensións necesitaría unha modificación do propio sistema de cálculo", explica. Desde a central nacionalista van máis alá e pregúntanse as razóns que hai para que as traballadoras do fogar sigan a estar fóra do réxime xeral. 

Desde CCOO tamén acolleron moi ben esta proposta. "Parécenos moi saudábel e moi oportunas este tipo de medidas", sinala a Nós Diario Maica Bouza, a súa secretaria de Previsión Social. A sindicalista lembra que o Tribunal de Xustiza Europeo vén de dar un par de desgustos ao Estado español en materia de discriminación nas prestacións públicas e pensións. Bouza enumera  entre as medidas necesarias a "igualdade no acceso ao emprego e no mantemento do emprego e facilitar que os coidados non recaian nelas". En todo caso as medidas non servirían de nada "se non se poden transmutar nunha norma que obrigue  de verdade aos Estados membros", asevera a sindicalista. 

Comentarios