Paralización e incerteza entre as traballadoras autónomas

Traballadoras autónomas da restauración, do sector servizos e doutras áreas profesionais responderon ao estado de alarma cos seus ingresos. Malia non se ver obrigadas ao peche, a paralización da vida e da actividade económica non lles deixa outra alternativa que a suspensión das súas actividades. Sen liquidez non poden facer fronte ás nóminas nin aos gastos correntes. A responsabilidade social e as axudas do Goberno atemperan as súas inseguridades. 
cervexa hostalaría
photo_camera O simple xesto de servir unha cervexa desapareceu da rutina de moitas profesionais da hostalaría.

A crise do coronavirus impactou contra as profesionais autónomas no momento en que a declaración do estado de alarma limitou ou paralizou a súa actividade.

Algunhas manteñen o permiso das Administracións para continuar co seu negocio, mais decidiron pechar e botar man dos aforros ou das medidas gobernamentais para amortecer o impacto dun estancamento económico que vai en aumento.

A restauración, minguada

"Os primeiros días mesmo pensei en cesar a actividade de forma definitiva, mais agora quero ser optimista". Quen fala é Katyuska Álvarez, copropietaria do Mesón de San Fiz, en Silleda, quen decidiu pechar o seu negocio un día antes de que o Goberno do estado fixese oficial o estado de alarma.

"Acababa de contratar unha empregada e estaba a piques de facer un ano á fronte do restaurante. Estaba moi contenta coa marcha do negocio, traballando de segunda a sexta feira e dispoñendo das fins de semana para estar coa miña filla. Lograr isto no sector da hostalaría non é doado e eu conseguino", salienta a emprendedora, de 33 anos.

"A miña economía e a da miña filla dependen do meu traballo, e sen el, quedamos sen liquidez".

Agora permanece atenta á evolución dos datos e das axudas anunciadas polas autoridades para soster as pequenas e medianas empresas. "De momento non sei a que medidas me acoller. Teño esa encarga en mans dunha xestora, que me indicará os trámites que debo iniciar. Agora mesmo, os meus esforzos céntranse en ver de que forma podo reducir os gastos correntes", explica.

Sen liquidez

O primeiro que fixo Katyuska Álvarez foi cancelar algúns servizos prescindíbeis como o teléfono ou as subscricións de prensa. "A luz téñoa que seguir pagando, temos dous conxeladores cheos con comida para 15 días que non imos despachar e un lote de alimentos perecedoiros que tamén pasará a engrosar as perdas", asegura. Porén, recoñece apoios importantes, como o da súa arrendadora, que xa lle perdoou o mes de abril. De seguir así as cousas, engade, "valorará facer o mesmo en maio".

"Aspiro a repoñerme desta pequena gran crise"

Con todo, este aforro non alivia a falta de ingresos. "A miña economía e a da miña filla dependen do mesón. Non temos máis achegas que as que recibimos do meu traballo, e sen el, quedamos sen liquidez", confesa. Por iso desbotou xa a idea inicial do cesamento. Katyuska Álvarez non quere renunciar a un negocio que ergueu por si mesma, que funciona e que lle permite garantir o coidado da súa filla. "Aspiro a repoñerme desta pequena gran crise", sentencia.

Abertas, mais sen ingresos 

As pastelarías poden abrir. O Goberno integrou estes estabelecementos dentro do sector da alimentación malia que non todas dispoñen dun despacho de pan que xustifique a venda de produtos de primeira necesidade.

"Se lle piden á xente que fique na casa, non vou ser eu quen faga un chamamento para que veñen mercar pasteis á miña tenda".

"Oxalá! Pero se lle dis á xente que fique nas súas casas, que non saia máis que para facer as compras esenciais, non vou ser eu quen faga un chamamento para que veñen mercar pasteis á miña tenda", explica a Nós Diario Xulián Suárez, propietario da pastelaría París da Coruña.

"Decidín pechar entre semana e abrir só sábados e domingos para cubrir algún gasto. Mais estou valorando todas as opcións ás que me podo acoller para non poñer en risco o negocio familiar nin a saúde das que agora mesmo traballamos no obradoiro", aclara. Xulián Suárez recoñece que adoptou esta medida por "responsabilidade social", despois de calcular até onde pode resistir a súa economía sen apenas ingresos. "Xa sei que este mes non vou cobrar nada. Os gastos correntes mantéñense, debo pagar o aluguer e as nóminas das traballadoras". 

"Se podo facer fronte a esta situación co negocio pechado, vou pechar".

Mantenas a todas malia a redución brusca da actividade. "Polo momento acordamos anticipar as vacacións. Se antes eramos cinco, a diario, agora quedamos dúas persoas que nos dedicamos a adiantar traballo de cara ao futuro e atender unhas poucas encargas que nos fan, mesmo a través da redes sociais".

De momento, o chocolate centra as elaboracións artesanais,  "pero teño claro que se podo facer fronte a esta situación co negocio pechado, vou pechar", conclúe Suárez, pendente de analizar a achega real das axudas decretadas polo Goberno.

Todo no aire

A incerteza planea sobre a mesa de traballo de Samuel Baltar, fundador de Orixe Creativa. É deseñador gráfico e hai poucos meses que mudou o seu estudio doméstico a un espazo laboral compartido. "Agora teño que ver que fago, se sigo abonando a cota ou non, porque todos os traballos que tiña practicamente acabados ou pendentes de estrega non sei que vai ser deles, non sei se os vou rematar e moito menos se os vou cobrar", salienta.

"Non sei se vou cobrar os traballos que teño pendentes de entrega ou case rematados".

Con todos os negocios pechados, ninguén fai publicidade nin inviste en comunicación, unha actividade, advirte, aínda pouco desenvolvida na Galiza tanto no sector comercial como profesional. Así, explica, a pouca actividade que se xera estes días procede de axencias máis grandes e non dos clientes particulares. "E redúcese a creación de mensaxes audiovisuais ou dirixidas ao público das redes sociais con recomendacións para os días de confinamento".

Recuperación gradual

Samuel Baltar dá o mes de marzo por perdido. "Non vou cotizar. Non fixen nada así que nada teño que facturar. Decidín acollerme ás medidas gobernamentais, que  ademais de exonerar as profesionais autónomas do pagamento á Seguridade Social, tamén contemplan axudas para quen, sen botar o peche, acredite unha redución de 75% da súa factuaración".

"Os negocios que vivía ao día terán que decidir se volven abrir ou non".

Para o sector creativo, a crise chega nun momento de pouco traballo após o Nadal e o Entroido. "As medidas de apoio económico son un amparo importante", defende. "Imaxino que a recuperación será gradual e non antes de dous meses. Empezaremos por saír á rúa. Os negocios que vivía ao día terán que decidir se volven abrir ou non. Creo que moitos non o farán, mais os que abran de novo as súas portas deberán comunicar o seu regreso e investir en publicidade para recuperar os seus clientes", asegura Samuel Baltar.

Só para emerxencias

Esta reactivación da vida cotiá tamén lle devolverá a rutina a profesionais como Aitor Seoane, fontaneiro autónomo. "Desde que se decretou o estado de alarma acudín a unha única emerxencia e rexeitei outros traballos que considero que poden esperar. De momento non perdín nigún proxecto e teño a mercadoría a punto para cando poida regresar", afirma, seguro da importancia de respectar as medidas de confinamento. 

Comentarios