Análise

A pandemia agravou a perda de poboación activa

A economista Natividad López Gromaz prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
Ademais da perda de poboación activa e ocupada, produciuse un deterioro das condicións laborais da clase traballadora. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera Ademais da perda de poboación activa e ocupada, produciuse un deterioro das condicións laborais da clase traballadora. (Ilustración: Álex Rozados)

Galiza vén sufrindo desde hai anos un deterioro importante do mercado laboral. Cando aínda non nos recuperaramos da crise económica que nos anos 2008/09 asolou a economía (en Galiza estímanse 91.300 persoas en activo e 70.300 persoas ocupadas menos que nesa data), unha nova crise, neste caso provocada por unha pandemia, agravou novamente a situación laboral da clase traballadora.

Agudizáronse os problemas que viñamos constatando desde hai anos como son a perda de poboación activa e o envellecemento da poboación, ao mesmo tempo que se precarizou o mercado laboral. Nestes dous últimos, en parte a consecuencia da pandemia, tamén se produciron cambios estruturais na distribución do emprego.

Desde a crise dos anos 2008/09, a perda de poboación activa foi unha constante, non só se perde poboación, senón que o descenso afecta a poboación de menor idade, o que, a medio prazo, agrava o problema principal, xa que é a poboación máis nova a única que podería paliar esta situación. Pero a realidade non vai nesa dirección, todo o contrario. Desde o ano 2009 tan só se reduciu a poboación activa entre os menores de 40 anos, de feito no ano 2009 os menores de 40 representaban o 49,5% da poboación activa galega; de media no ano 2021 esta porcentaxe situouse no 33,2%. En valores absolutos isto tradúcese en 239.600 persoas en activo menos, con menos de 40 anos, desde o ano 2009.

Hai unha parte da poboación activa que pasa á inactividade ben por xubilación, estudos, labores da casa..., pero só son 25.200 persoas, o resto desaparece do mercado de traballo. Neste descenso ten moito que ver o importante número de persoas novas que se viron obrigadas a emigrar ante a falta de oportunidade laborais que lles permitiran desenvolver aquí a vida laboral.

Perda de ocupación

A pandemia veu agravar esta situación xa que 12.900 persoas activas perdéronse desde o ano 2019. Tamén no que atinxe á perda de ocupación, son 10.100 as persoas ocupadas menos que antes do inicio da pandemia.

Os problemas do mercado laboral en Galiza son máis profundos; a crise económica provocada pola pandemia tan só evidenciou algúns que se viñan denunciando desde hai anos

Se ben é certo que aínda non estamos nunha situación "normal"; a crise non pasou, mesmo se deixou notar no ano 2021, sobre todo en determinadas actividades económicas que continuaron sufrindo restricións, como foi o caso da hostalaría, entre outras. A nivel estatal xa se acadaron os valores de ocupación previos á mesma, algo que, en Galiza, está lonxe de alcanzarse, a pesar de que as restricións foron semellantes en todo o Estado español e as  medidas aplicadas para paliar a situación, tamén. Os problemas do mercado laboral en Galiza son máis profundos. A crise económica provocada pola pandemia tan só evidenciou algúns que se viñan denunciando desde hai anos, como o déficit de persoal en sanidade, servizos sociais... pero a profunda crise industrial que estamos padecendo, con preto de 9.000 empregos menos nos dous últimos anos, nada ten que ver coa situación sanitaria.

O incremento da ocupación nas ramas sanitarias, servizos sociais..., no sector público en xeral, amorteceron a caída global da ocupación, se non, as perdas serían moito máis cuantiosas. O sector privado, unhas ramas de actividade máis que outras, e a pesar dos ERTE, reduciron fortemente os cadros de persoal, especialmente na hostalaría, no comercio e na industria manufactureira.

En paralelo á perda de poboación activa e ocupada, produciuse un deterioro das condicións laborais da clase traballadora, deterioro que se manifesta tanto no aumento da temporalidade no emprego, na parcialidade das xornadas, na menor duración dos contratos..., o que redunda nunha redución dos ingresos dunha parte importante da poboación ocupada.

Temporalidade

O aumento da taxa de temporalidade, -é dicir, da porcentaxe de persoas asalariadas con contrato temporal sobre o total dos asalariados e asalariadas-, produciuse sobre todo polo medre da temporalidade no sector público. O incremento da ocupación no mesmo, ao que se viron obrigadas as administración ante a crise sanitaria, cubriuse maioritariamente con traballadores temporais, o que elevou a taxa de temporalidade no sector público a niveis nunca vistos , de preto do 30%, concretamente do 29,2%. Taxa  moi superior á do sector privado, que se situou, de media, no ano 2021, no 23,1%

O aumento da taxa de temporalidade produciuse sobre todo polo crecemento desta no sector público

Esta elevada temporalidade, en moitos casos unida a unha duración moi escasa dos contratos, fan sospeitar que estamos ante medidas meramente conxunturais, que unha vez que se dea por controlada a situación sanitaria, estes empregos van desaparecer; de feito xa se viu neste curso cos reforzos en educación. A curto prazo, podemos atoparnos no sector con valores semellantes aos de 2019, o que empeoraría os datos globais de ocupación.

Comentarios