Mercado de Traballo 2016

Paisaxe após a batalla: precariedade, temporalidade e pobreza arraigan nos traballadores galegos

O estudo do gabinete económico da CIG radiografía o impacto destes anos de crise entre as persoas asalariadas de Galiza. Perda de emprego, de taxa de ocupación e de actividade, ou emigración da mocidade son algunhas das conclusións.

traballo obreiro traballadores emprego

O informe ‘Mercado de Traballo 2016’, elaborado polo gabinete económico da CIG e presentado esta sexta feira en Compostela deixa en cirolas o discurso da ‘recuperación’ tan grato a Monte Pío e A Moncloa. Natividade López, responsábel do gabinete económico, e  o secretario confederal de Emprego, Miguel Malvido, foron debullando datos e conclusións que amosan que o mercado laboral galego semella a paisaxe dun campo de batalla onde as persoas asalariadas levaron, con moito, a peor parte.

Durante a crise destruíronse 160.000 postos de traballo, sendo a mocidade a principal afectada. O 70% das persoas asalariadas que perdeu o seu emprego na crise tiñan contrato indefinido. Cando comezou a aumentar a contratación, esta foi precaria e temporal. Así, os contratos a tempo parcial case que se duplicaron durante estes anos de crise (192.000 en 2008 e 350.000 en 2015) mentres que os contratos a xornada completa sufrían unha caída considerábel. Ademais, un de cada tres contratos que se asinaron en 2016 eran de menos dunha semana de duración mentres que só o 0,3% foron indefinidos.

Esta situación vese agravada por  un rexistro preocupante como é que se perdera 58.700 persoas na poboación activa de Galiza durante estes anos. Unha situación que bateu nomeadamente a mocidade. En 2008 os menores de 24 anos eran o 8,5% da poboación activa no país mentres que en 2015 apenas representaban o 4,7%. Mesma dinámica houbo entre os asalariados con idades de 25 a 34 anos: eran o 27,3% a comezos da crise e son agora un 19,5%.

Ingresos

Destruíuse emprego e aumentou a temporalidade e a precariedade. Algo que se reforza en que durante estes anos o único grupo de persoas asalariadas que aumentou foi o dos que cobran menos da metade do salario mínimo (SMI). 

Salario Medio

Os ingresos que máis descenden son os do intervalos de menores ingresos e os que máis medran son os de intervalo de maiores ingresos, o que alarga a fenda. Así, no ano 2009 o salario medio dunha persoa do intervalo de maiores ingresos equivalía a 66 traballadores de menores ingresos; no ano 2015 a relación é 1 a 84.  O 30,7% das persoas con salarios en Galiza non acadaron o SMI bruto anual.

Vemos como se consolida o concepto de traballador pobre, porque cada vez hai máis persoas que, aínda traballando, teñen uns salarios non lles dan para vivir nunhas condicións dignas e saír da pobreza; como se están incrementando as desigualdades e a brecha salarial entre os asalariados e como a  rotación cada vez é maior nos contratos que se están a facer”, afirmou Malvido.

Comentarios