O país onde un terzo dos contratos laborais dura menos dunha semana

Os que duran máis dun ano apenas chegan 0,4%.

camareiro bar hostalaría cervexa restaurante

Levamos varios anos batendo récords en Galiza no que respecta a número de contratos asinados. Mesmo durante os anos máis duros da crise, con destrución de emprego, aumentaban as estatísticas de contratos que se rubricaban no noso país. Así, se ben entre 2009 e 2011 descendeu a cifra de contratos, a partir dese ano comezou a aumentar embora seguirse a se destruír emprego. O motivo, a temporalidade.

A estas alturas da película o nivel de temporalidade que hai no mercado laboral galego non sorprende a ninguén. Existía antes da crise, si, mais a recesión fixo que se alargase, que se estendese, a cabalo das reformas laborais. A día de hoxe, a temporalidade ofrece dados en Galiza que son para máis que preocuparse.  Un de cada tres contratos laborais que se asinaron no noso país en 2017 tiña menos dunha semana de duración.Foron 343.000 (34% do total) e aumentaron 10% a respecto do ano anterior.

Ademais, case 11% dos contratos e n2017 tiñan unha duración de entre unha semana e un mes. Ou sexa, que 45% de todos os contratos que se formalizaron no noso país no ano pasado non superaron o mes de duración. Por el contra, do máis do millón de contratos de 2017 menos de 5% eran indefinidos. E os que tiñan como duración máis dun ano ficaban en 0,4%.

Por actividades, e segundo datos IGE, a hostelaría continúa a ser o sector que tira do carro do mercado laboral. Concentra case 23% dos contratos atinxidos en 2017. Un de cada catro. 

Comentarios