Ouvidos xordos do PP e o goberno no conflito de Povisa

Malia o concerto asinado entre a Xunta e o centro hospitalario privado, a delegada territorial, María José Bravo asegurou que non tomará parte na resolución do conflito por se tratar dunha empresa privada. 

Folga de fame en Povisa
photo_camera Folga de fame en Povisa

Após 10 días en folga de fame, Chus Neira (CIG), presidenta do comité de empresa de Povisa asegura en conversa con Sermos Galiza que están "cansos" e "febles". As análises que diariamente se practican para valorar o seu estado de saúde sitúan Carme, Chus e Eduardo nos límites aconsellábeis. Porén, até o momento o conflito iniciado logo de se anunciar o despedimento de 13 traballador@s, semella lonxe de se resolver. 

As continuas mostras de solidariedade e afecto, mestúranse coa estratexia de presión desenvolvida na Cámara lexislativa onde as forzas da oposición presentaron diversas iniciativas encamiñas a exixir a implicación da Consellaría de Sanidade no conflito. 

"A Consellaría non pode manterse impasíbel"

Esta quinta feira (19 de marzo) a deputada do BNG, Montse Prado, e a parlamentar do Grupo Mixto, Chelo Martínez, instaron o goberno galego a "actuar" perante as "prácticas laborais" desenvolvidas pola dirección de Povisa desde "hai 6 anos". Neste senso referíronse á redución en máis dun cento de profesionais o cadro de persoal desde 2010; a "precariedade" e "mobilidade" laboral que atinxe @s traballador@s --con xornadas a tempo parcial "non voluntarias", sinalaron-- ou a merma da calidade asistencial derivada deste feito. 

Povisa conta na quenda de noite con 2 celadoras mentres o CHUVI ten 16

"A Consellaría non pode manterse impasíbel", denunciou desde o Bloque, Montse Prado, salientando que o concerto asinado entre a Xunta e Povisa obriga a empresa titular do centro hospitalario a rexerse polos criterios de calidade --laboral e asistencial-- que atinxen os centros públicos. Un feito sinalado por igual desde o Grupo Mixto, AGE e o PSdeG. 

Que isto non se está a producir ficou en evidencia através dos ratios de persoal, sendo que no CHUVI para a quenda de noite contan con 16 celador@s mentres que Povisa só ten 2, explicou Eva Solla. A redución do cadro incrementouse após o despedimento de 13 novas persoas o pasado mes, principalmente celador@s. 

O PP sen información 

Porén, desde o Partido Popular aseguraron mesmo descoñecer "as razóns" polas que se produciron eses despidos. "Non teño informacón exacta dos motivos polos que se despediu a 13 traballadores", recoñeceu Miguel Santalices, portavoz da área de Sanidade do Partido Popular. Unha afirmación que lle valeu unha forte reprimenda por parte da parlamentar do Grupo Mixto, Chelo Martínez. 

Miguel Santalices (PP): Non teño informacón exacta dos motivos polos que se despediu a 13 traballadores"

Santalices apelou a Inspección médica como responsábel da vixianza do hospital e das condicións en que este desenvolve a súa actividade mais para as forzas da oposición o concerto asinado coa Xunta apunta como "responsábel" do que está a acontecer en Povisa ao goberno galego. 

"Póñanse por unha vez do lado dos traballadores e non da empresa", defendeu Prado. Un feito que semella non se producirá logo de que a delegada territorial do goberno galego en Vigo, María José Bravo, asegurase en declaracións á imprensa que non intervirán ao considerar que se trata dun conflito producido no seo dunha empresa privada. 

Entrementres, as mostras de solidariedade re-prodúcense. Esta quinta feira (19 de marzo) delegadas e delegados da CIG percorreron as rúas de Vigo exixindo a readmisión do persoal despedido e denunciando o "boicote" que está a desenvolver a empresa ás traballadoras e traballadores que manteñen o xexún. "Mándannos o garda de seguridade pola noite cada media hora a acender e apagar as luces, así é imposíbel durmir", explica Chus Neira, logo de que esta actuación for denunciada perante Inspección de traballo e a Fiscalía. 

Comentarios