Os sindicatos da xustiza reclaman a súa integración na comisión de coordinación da crise do coronavirus

Os sindicatos CSIF, STAJ, CCOO, UXT, CIG e ELA, integrantes da mesa de negociación do Ministerio de Xustiza, reclaman ter voz na comisión de coordinación creada para afrontar a crise do coronavirus. Chaman ademais a abrir de forma urxente a negociación colectiva dos plans de reactivación da actividade procesual e da implantación dos sistemas de teletraballo.

2020040611361566518
photo_camera Os sindicatos reclaman ao ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo (na foto) a convocatoria da mesa de negociación. (Europa Press)

As seis forzas sindicais instan a convocatoria da mesa de negociación do Ministerio de Xustiza, na que chaman a estudar, como primeiro asunto, a súa inclusión na comisión de coordinación da situación de crise na mesma situación en que están integrados, ademais do Ministerio de Xustiza e autoridades territoriais con competencias en medios persoais e materiais, o Consello Xeral de Poder Xudicial, a Fiscalía Xeral do Estado e o Consello Xeral da Avogacía. Como salientan, estas organizacións representan "máis de 80% das 55.000 persoas que constitúen o persoal funcionario non xudicial nin fiscal da Administración de Xustiza".

As organizacións reivindican o seu coñecemento de primeira man da realidade da Administración de xustiza e apelan ao dereito de participación, información e consulta aos traballadores ,"a base da negociación colectiva", e aluden tamén á "obriga legal de negociar, posto que o dereito fundamental de negociación colectiva non se suspendeu polo estado de alarma".

Da mesma maneira, os seis sindicatos demandan ter participación, desde o primeiro momento, no deseño, planificación e implantación en calquera plan de actuación ou de axilización que se pretenda poñer en marcha na Administración de Xustiza, como os plans que xa foron obxecto de anuncio no BOE e abordados nas dúas últimas reunións da Comisión de seguimento, para as xurisdicións social, contencioso-administrativa e os xulgados do mercantil. 

No mesmo sentido pronúncianse no que ten a ver coa implantación de sistemas de teletraballo ou acceso remoto desde o domicilio, no tocante aos corpos funcionariales de letrados e letradas da Administración de Xustiza, forenses, corpos xerais da Administración de Xustiza e corpos especiais do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses. 

"O ministro esquece que a súa obriga, mesmo nunha situación como a que padecemos agora, é a de negociar coa representación sindical calquera plan de axilización que pretenda poñer en marcha incluíndo a implantación de sistemas de acceso remoto desde o domicilio para favorecer o teletraballo empezando polas iniciativas ou “boas prácticas” que se están poñendo en marcha, de forma unilateral", censuran. 


 

Comentarios