Cinco organizacións da mocidade galega apoian a convocatoria dunha greve xeral

Briga, Erguer, Galiza Nova, Isca! e UMG emiten un comunicado no que animan a camiñar cara un paro xeral, que consideran “a resposta necesaria ante a situación que estamos a vivir”.

mocidade

Cinco organización xuvenís nacionalistas e independentistas veñen de emitir un comunicado ás portas do Primeiro de maio no que mostran o seu apoio á convocatoria dunha greve xeral.  Briga, Erguer, Galiza Nova, Isca! e UMG denuncian “unha situación de extrema precariedade e con nulas perspectivas de futuro”. Precariedade, temporalidade, pobreza, emigración, desemprego fan parte dunha realidade na que os beneficiarios son “o grande capital español e transnacional”.

A isto, sinalan, hai que engadir, “unha situación que subordina Galiza aos intereses do mercado español, que son os da minoría capitalista que sustenta ese Estado”. “O Estado español e a Unión Europea son un freo para o desenvolvemento autocentrado da Galiza”.

As organización entenden que perante este escenario, e o “aumento da conflitividade laboral en diferentes sectores”,  nestes meses, faise necesario “camiñar cara unha folga xeral na Galiza, xa que é a resposta necesaria ante a situación que estamos a vivir cunhas características propias na nosa nación”.  Unha greve para “recuperar” os dereitos perdidos. Por iso, no manifesto “saúdan” a campaña da CIG para a greve xeral.

Nesta liña, Briga, Erguer, Galiza Nova, Isca! e UMG animan a participar nas mobilizacións do 1 de maio convocadas polo sindicalismo galego de clase.

Comentarios