Ordes mostra a súa solidariedade cos despedidos do transporte RSU de Sogama

Centos de persoas participaron na manifestación para pedir a súa readmisión e denunciar que “a Xunta financia o acoso laboral”.

manifestacion transportes pacholo sogama ordes

Centos de persoas participaron na manifestación convocada polos traballadores do transporte de Sogama para demandar a readmisión dos 8 compañeiros despedidos e o cesamento do acoso laboral en Transportes Pocholo S.L. A empresa gañou o concurso do transporte de Residuos Sólidos Urbanos de Sogama. O persoal leva en folga indefinida case un mes.

O presidente do comité, Manuel Regueiro, agradeceu a solidariedade das persoas que tomaron parte na manifestación. Denunciou que “da noite para a mañá vímonos na rúa porque a Sogama non lle pareceu necesario incluír nos pregos de contratación algunha referencia á nosa continuidade, deixándonos na rúa”.

Regueiro denunciou o papel das subcontratas deseñadas polo PP “para repartir diñeiro público entre as empresas amigas”, abaratar ao máximo o servizo público “cunhas condicións que a empresa pública non podería permitir e que desa maneira aumenten as marxes de negocio”. E que, por iso, “se permite que Copasa, que gañou o concurso, buscase unha empresa como Transportes Pacholo, “para nada pensando na calidade do servizo, senón pensando no maior lucro “.

O presidente do comité concluíu asegurando que Pacholo, Copasa, Sogama e o PP “son, neste conflito a mesma cousa e teñen os mesmos intereses, que son os de precarizar o noso traballo para aumentar os beneficios “.

Comentarios