ONG, captar socias e socios en precario

Bo día, tes un minuto para colaborar connosco? A pregunta repítese acotío nas principais rúas e prazas das cidades galegas. Son captadoras e captadores de socias e socios para ONG, cuxa presenza durante os últimos anos se converteu en habitual, en especial na Coruña, Vigo e Compostela. Un labor que se asocia co voluntariado, pero nada máis lonxe. Escribimos sobre isto no Sermos Galiza 239. Deixamos aquí un extracto.

O sector do face to face ou captación de socios a pé de rúa é relativamente novo na Galiza. Foi no último lustro cando viviu a súa irrupción, hoxe nunha mesma cidade podemos ver até seis organizacións recadando fondos á vez. Un traballo que moitas ONG decidiron externalizar a través de empresas dedicadas ao marketing e contratando mediante ETT. “É como unha xungla, temos estado vinte persoas captando na mesma rúa –explica un traballador subcontratado, que pide anonimato –. Somos comerciais, a fin de contas. Representamos un bo labor, pero esa é a cara pública. Aquí o único que importa son os obxectivos. Se non cumpres, despídente”.

1As prácticas das empresas externas e das propias ONG levou parte das traballadoras e traballadores do sector a se mobilizaren. Unha misión complexa pola alta rotación de persoal e a competitividade entre organizacións. “Son moitas veces os propios coordinadores os que falan mal das outras, condicionando así as traballadoras. Isto é sobre todo moi interesante para a patronal, de cara á individualización dos postos de traballo, e da repercusión cara á negociación colectiva”, sinala pola súa parte Ángela Serantes, traballadora de Médicos Sen Fronteiras (MSF), que no pasado traballou tamén para Acnur e Aldeas Infantís, e hoxe representante sindical por CCOO.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 239, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios