A OCDE considera insuficientes as reformas do sistema público de pensións

O organismo internacional afirma que as condicións para lograr una pensión completa no Estado español son "laxas".
A OCDE é partidaria de reducir as pensións para garantilas (Foto: Nós Diario).
photo_camera A OCDE é partidaria de reducir as pensións para garantilas (Foto: Nós Diario).

As últimas modificacións introducidas para reforzar o sistema público de pensións parecen non convencer a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), que opina que as condicións para lograr unha pensión completa de xubilación no Estado español son " laxas" se se comparan internacionalmente. Mentres que en 2027, un traballador pódese retirar aos 65 anos cunha pensión completa se cotizou 38,5 anos, en Francia fan falta 43 anos cotizados, mentres que en Alemaña son necesarios 45 anos, apuntan desde o organismo.

Ademais, a OCDE destaca que na maioría de países tense en conta o total da carreira laboral para calcular a pensión. Na UE, só Francia, Eslovenia e España empregan un horizonte temporal de 25 anos ou menos.

Estas son algunhas das conclusións recollidas no informe bienal da OCDE 'Pensións dunha ollada', publicado esta cuarta feira, e no que se alerta tamén do impacto que suporá o envellecemento da poboación na sustentabilidade financeira do sistema español.

O documento explica que os ingresos dos maiores de 65 anos equivalen a aproximadamente 96% dos ingresos medios da poboación, oito puntos porcentuais máis que no conxunto da OCDE. Ademais, en España esta porcentaxe aumentou 11 puntos respecto ao ano 2000, un incremento que atribúe a que o gasto en pensións por xubilado creceu a un ritmo moito maior que o salario medio. 

Neste senso, advirte de que o envellecemento "acelerarase agora a un ritmo moi rápido, pondo unha forte presión na sustentabilidade financeira".

Unha caída de 8,3% nas pensións

En relación ás pensións, o Grupo de Investigación en Pensións e Protección Social, un equipo conformado por profesores da Universitat de València e da Universidade de Estremadura, fixo público un informe sobre o impacto no poder adquisitivo do aumento do período de cálculo das pensións, que certifica unha caída de 8,6% na paga das persoas xubiladas que teñen cotizado polo réxime xeral, polo que un pensionista que cobra 996 euros, computando os últimos 25 anos, pasa a recibir, atendendo ao período de 35 anos froito da reforma aprobada polo Goberno español, 916 euros.

A reforma incorpora un novo mecanismo de equidade interxeracional que valora un aumento temporal das cotizacións á Seguridade Social de 0,6 puntos durante dez anos (2023-2032), co fin de dotar o Fondo de Reserva de cara á xubilación das xeracións do baby boom.

Comentarios