DENUNCIA CIG

Obras do AVE en Ourense: contratos precarios e encerramentos patronais

A Unión Local do sindicato nacionalista de Verín e A Limia solicitoulle a Subdelegación do Goberno español en Ourense que dea orde a Inspección de Traballo de abrir unha investigación. A CIG pide que se dea traslado dos informes das inspeccións laborais aos xulgados correspondentes visando que se investigue se se cometeron delitos contra os traballadores.

vilavella

Desde que deron comezo as obras do AVE nos treitos de Lubián, A Gudiña, Viana do Bolo, Campobecerros, Laza e Vilar de Barrio “as condicións laborais dos operarios foron degradándose de tal xeito que, na actualidade, pódese dicir que rozan a miseria laboral e o terceiromundismo”. Quen así fala é Anxo García Torres. Secretario de Organización da CIG en Verín e A Limia.

Así, denuncia a existencia de xornadas maratonianas de traballo (de 10 e 12 horas), de contratos precarios, subcontratas que non pagan porque están quebradas, “infrasalarios”, condicións de hixiene e saúde laboral “terceiromundistas”, accidentes de traballo “que provocan mortes”. E a iso, engade García Torres, “temos que sumar os sistemáticos peches patronais, con despedimentos masivos de traballadores, como os que se están a impor nestes días”.

Denuncia a central nacionalista que as distintas contratas e subcontratas dos treitos do AVE de Lubián á Vilar de Barrio “están máis preocupadas por maximizar os seus beneficios que por realizar correcta e axilmente o traballo para o que foron contratadas “e, moito menos, por dar un mínimo cumprimento á lexislación en materia de dereitos dos traballadores”.

Fomento e xustiza

Por iso ve necesario que o Ministerio de Fomento tome cartas no asunto. O paso que xa se deu foi recllamarlle á Subdelegación que ordene a incoación, por medio das Inspeccións Provinciais de Traballo e Seguridade Social de Ourense e Zamora, “de procedementos de investigación sobre os peches patronais impostos en certos treitos das obras, concretamente nos tuneis da zona de Laza. E que, no caso de que se verifiquen as condutas denunciadas, se proceda a sancionar ás empresas implicadas dacordo co disposto na Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social, impoñendo a obriga de readmisión dos traballadores/as despedidos/as, así como a de reanudación das obras paralizadas”.

De igual xeito, demanda que se poñan en coñecemento dos Xulgados de Instrución das comarcas de Verín, Xinzo de Limia, A Póvoa de Sanabria e A Póvoa de Trives “os resultados das inspeccións laborais que se realicen, co obxecto de que se abran dilixencias de investigación dirixidas a aclarar se estes comportamentos incorreron nun delito contra os dereitos dos traballadores”. 

Comentarios