O ensino para e toma as rúas

A choiva non impediu que se congregasen en Compostela docentes de toda Galiza para lembrarlle á Xunta que queren recuperar o horario lectivo previo á crise. Os sindicatos aseguran que a xornada de folga desta quinta feira 12 de decembro nos centros tivo un seguimento de 60% e anuncian que seguirán con máis mobilizacións se a Consellaría de Educación non quere negociar un calendario.

Manifestación do profesorado público galego (Arxina)
photo_camera Manifestación do profesorado público galego (Arxina)

“Queredes o outro horario/ queremos si señor!/ e para que o queredes?/ para traballar mellor”. Este retrouso e unhas coplas máis sentíronse esta quinta feira polas rúas de Compostela na manifestación convocada por todas as forzas sindicais do ensino galego para reclamar a recuperación das horas lectivas que tiñan antes da crise.

A mobilización na capital focalizou a ollada dunha xornada de folga en todos os centros públicos da Galiza cun seguimento maioritario segundo afirman os propios sindicatos. “Defendemos os nosos dereitos e non os nosos privilexios”, asegurou aos medios de comunicación o secretario xeral de CIG-Ensino, Suso Bermello, “o profesorado leva unha década arrastrando recortes tras recortes e está farto, quere recuperar os seus dereitos e con dignidade”. A unidade sindical foi tamén protagonista nesta xornada coa presenza na manifestación dos seis sindicatos con representación neste sector na Galiza: CIG, CCOO, ANPE, FeSP-UXT, CSIF e STEG.

Profesorado berra diante Consellaría (Arxina)

Seguimento do 60% da folga

 

A folga seguiuna o 60% do profesorado segundo os sindicatos e para a Xunta foi só do 14,49%. Suso Bermello asegura que os datos da Consellaría non reflicten a realidade. “Mandou unha circular da participación nos centros ás 9 horas e outra ás 11 horas da mañá”, explica, “a primeira hora hai moito profesorado que aínda non se incorporou”, engade. Os sindicatos afirman que os seus datos están contrastados “mesmo con cifras internas da Consellaría” con centros mesmo con todo o claustro ausente.

Recuperar dereitos perdidos coa crise

 

O profesorado exixe recuperar os dereitos que perderon pola crise. A reivindicación principal é comezar polo horario lectivo de 18 períodos máximos semanais en secundaria, Formación Profesional e ensinanzas de réximes especial e 21 en infantil, primaria e educación especial. Os sindicatos denuncian a perda duns 1.200 postos de traballo logo de sufrir o incremento a 25 horas aprobado polo Goberno da Xunta en 2011 e a 20 horas en secundaria, decretado por Mariano Raxoi en 2012.

O profesorado está farto e quere recuperar os seus dereitos e con diagnidade

No caso da secundaria este aumento de horas lectivas implicou un aumento do número de alumnado por aula, do número de profesorado que ten que impartir materias das que non é especialista, chegando nestes momentos ás dúas terceiras partes de todo o colectivo, e a realizar itinerancias entre centros.

En relación ao número de alumnado por aula, Julio Díaz, presidente de ANPE-Galiza, engade que “hai que abordar un tema do que non se fala moito, como é o das repetidoras e repetidores”. Díaz explica que “hai  aulas con cinco ou seis alumnas ou alumnos repetidores que non contan para a Xunta no número máximo de alumnado por aula”, polo que a cifra total é moito máis elevado.

En relación ás itinerancias de persoal entre centros, os sindicatos lembran que o profesorado especialista na atención á diversidade nas especialidades de Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica é o que máis ten que compartir centros. Esta circunstancia rebaixa moito a calidade do ensino nunhas circunstancias sociais tamén complicadas para o alumnado. “Non somos un colectivo alleo á situación da xente no mercado laboral”, di Lois López, secretario organización de STEG, “convivimos a diario cos dramas de parte do alumnado, vemos a degradación progresiva da súa calidade de vida e buscamos unha mellora efectiva para a sociedade en xeral”, engade.


Chamada á negociación

 

Os sindicatos convocaron esta xornada de folga en todo o enisno público da Galiza e a manifestación en Compostela como medida de presión para que a Conselleira de Educación, Carmen Pomar, queira sentarse a negociar. “Xa non hai escusas para iniciar a recuperación duns dereitos que o profesorado galego tiña acadado antes da crise”, asegura Xosé Carlos Fernández, responsábel de Ensino de CSIG-Galiza. En todo caso se segue sen haber resposta por parte da Xunta, seguirán as mobilizacións. “Esta folga pode concluír que foi un éxito mais é un paso máis”, defende Suso Bermello, “se o Goberno galego non senta a negociar poremos toda a carne no asador para conseguir os obxectivos que nos fixamos”, engade.

Estamos dispostos a seguir facendo presión até negociar un calendario

As valoración do informe Pisa realizada hai uns días polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo nas que aseguraba “estar orgulloso” do sistema educativo galego tiveron resposta, tamén, nesta xornada reivindicativa. Para Julio Díaz os bos resultados dese informe explícanse “polo sacrificio que fai o profesorado galego que a pesar dos recortes e de contar con menos horas para preparar as aulas pon todo o seu esforzo en mellorar cada días”. Desde CIG-Ensino a voz é máis crítica. “Nós cando os informes Pisa eran malos nunca criticamos o Goberno, afirma Suso Bermello, “o informe non serve para saber como está o sistema educativo, serve para controlarnos como docentes”.

Manifestación baixo a choiva

 

A manifestación conxunta en Compostela partiu da praza de Cervantes e rematou diante dos Edificios Administrativos de San Caetano, sede da Consellaría de Educación. Reuniu unhas 1.500 persoas malia o mal tempo que había na capital, deixando  unha vez máis a imaxe xa icónica dun mar de paraugas polas rúas. Paula Carreiro, secretaria de Ensino de UXT-Galiza, antes de comezar a manifestación quixo “agradecer a participación do profesorado” nesta xornada reivindicativa. Para a sindicalista “a Consellaría de Educación débenos os nosos dereitos, fomos nós os que cedemos as nosas horas de traballo ademais do noso soldo”.

Ao remate da manifestación, representantes de todas as organizacións sindicais leron un manifesto conxunto que lembrou que “o profesorado galego está canso de cargar con todos os recortes e que non renuncia a recuperar ningún dos dereitos roubados” e que "non son privilexios como quere trasladar a Administración, senón que foron conquistados a base de presión social como a que estamos dispostos a seguir facendo até negociar un calendario de restitución dos mesmos”.

Comentarios