Confirmado un contaxio no centro de atención á discapacidade da Coruña

Após a confirmación do primeiro caso de contaxio dunha traballadora no Centro de Atención a Persoas con Discapacidades (CAPD) Santiago Apóstol da Coruña, a CIG reclama probas para o conxunto do persoal e as usuarias, para evitar que se converta nun "foco da enfermidade". 
Centros de atención discapacidade @susobermello
photo_camera Imaxe dun acto reivindicativo do persoal de CAPD.

O sindicato reclama a realización das probas de forma xeralizada, "o que é imprescindíbel para delimitar a incidencia do contaxio e atallar a posíbel extensión", e demanda tamén que se subministre ás persoas traballadoras todo o material de protección que sexa necesario e adecuado á situación actual do centro.

"A existencia deste caso, dunha coidadora que estivo traballando durante o período do estado de alarma, fai necesaria a adopción de medidas máis estritas de control, tendo en conta a experiencia dos outros centros residenciais", estima o secretario comarcal da federación da administración pública da CIG, Eduardo Freire

Segundo denuncia a CIG, tanto neste como noutros centros de atención á diversidade dependentes da Consellaría de Política Social, o material de protección resulta "insuficiente".

Neste sentido, advirte que en varios deles caso do da Chapela, en Redondela, o persoal estivo a traballar sen o material de protección que era necesario.

"O resultado deste traballo con risco son os casos positivos que se dan en varios centros", expón, para matizar que, no caso do Santiago Apóstol, esta semana si houbo un reparto de material de seguridade, como máscaras e luvas.

Comentarios