CARA AO 8-M

O número de mulleres desempregadas na Galiza ascende a 300.000

Sen emigración e infraemprego, o número de mulleres desempregadas na Galiza sería de 300.000. Son os dados do informe feito público esta segunda feira pola Secretaría Confederal de Muller da CIG  que chama a participar na manifestación unitaria do 8 de marzo en Compostela. 

CIG
photo_camera [Imaxe CIG]

“Traballo digno, salario xusto” é o lema da campaña coa que a CIG conmemorará o 8 de marzo, Día Internacional da Muller e que presentou esta segunda feira xunto cun informe no que a central nacionalista calcula que, sen emigración e infraemprego, serían 300.000 as que se atoparían no desemprego. 

O informe presentado pola Secretaría da Muller da CIG alerta de que perto de 100.000 traballadoras tiveron uns ingresos inferiores aos 1.861€ brutos anuais e 71.783 víronse na obriga de emigrar desde 2008 polo que a esixencia de traballo digno e salario xusto vólvese, segundo a responsábel nacional Margarida Corral, especialmente oportuno. Estes dados recollidos no informe “A Muller no Mercado Laboral en Galiza” elaborado polo Gabinete Confederal de Economía -sumados ao número de 132.000 desempregadas que recolle a EPA- faría ascender a cifra global a 300.000 mulleres no paro. “Redúcese o desemprego entre as mulleres non porque aumentase a ocupación entre estas, senón porque hai menos mulleres. Descendeu a poboación activa feminina, sobre todo entre as mulleres máis novas, as menores de 35 anos, que abandonaron o mercado de traballo porque emigran”, explicou a responsábel do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López.  

Datos demoledores 

Os datos do mundo do traballo para as mulleres son, para a central sindical, “demoledores”, xa que o 75% de traballos a xornada parcial foron ocupados por mulleres en 2014 e un 23,7% das mulleres con traballo tiñan un contrato a tempo parcial. A situación do emprego agravouse aínda coa redución de salarios e a CIG denuncia que de 2009 ao 2013 o salario medio das traballadoras reduciuse un 1,4% . Das  447.647 mulleres que presentaron a declaración de IRPF o 20,7%, é dicir,  92.839 mulleres, declararon uns ingresos inferiores a 1.861 € brutos anuais. Tamén se reduciu a presenza de mulleres no grupo dos maiores ingresos cun 37,% menos que en 2009 aínda que as que se manteñen teñen máis cartos que hai cinco anos, o que, para a CIG, evidencia un incremento das desigualdades. “De media en 2013 o salario dunha traballadora pertencente ao intervalo de maiores ingresos é 77 veces superior ao dunha de menores ingresos”, conclúen desde o sindicato nacionalista. 

Perto de 100.000 traballadoras tiveron uns ingresos inferiores aos 1.861€ brutos anuais e 71.783 víronse na obriga de emigrar desde 2008

A fenda, segundo Margarida Corral, “vaise alargando e que apenas se nivela ao igualarse cos homes (por abaixo), cun empobrecemento xeneralizado, tras os recortes, a perda de dereitos, e as reformas levadas a cabo polos gobernos, que, aproveitando a crise económica como escusa, empeoraron as condicións de traballo para incrementaren os beneficios do capital”. Tamén se referiu ao incumprimento do principio de igual traballo, igual salario a respecto das mulleres, xa que as que teñen “unhas cualificacións iguais ou mellores que os homes, en moitos casos debido a unha formación máis extensa, continúan a seren valoradas de distinto xeito e a súa carreira profesional é máis lenta. Así, nos sectores nos que as mulleres predominan, os salarios son máis baixos que naqueles nos que son os homes os que teñen unha presenza maioritaria”. Deste xeito, sinalou que a media da diferenza salarial entre homes e mulleres na UE é do 16% e lembrou que “as mulleres interrompen máis frecuentemente a súa carreira profesional e teñen un maior número de contratos a tempo parcial que os homes”.

Manifestación 8 de marzo 

Margarida Corral defendeu a urxencia de mobilizarse polo emprego, contra a precariedade laboral, a desigualdade salarial, o desmantelamento dos servizos e a reivindicación dun reparto igualitario das responsabilidades do coidado “esixindo que os nosos dereitos sexuais e reprodutivos non se vexan limitados por cuestións electoralistas e ideolóxicas, porque a loita polos nosos dereitos segue máis vixente ca nunca”, dixo para o que convidou a participar na xornada de reivindicación que decorrerá o vindeiro 8 de marzo cunha manifestación unitaria do movemento feminista galego que ten a súa saída na estación do tren de Compostela ás 12 horas ademais das que se desenvolverán por comarcas e vilas do país con motivo do Día da Clase Obreira Galega o vindeiro 10 de marzo.

Comentarios