Un novo verquido fecha os bancos marisqueiros da Ría do Burgo por segunda vez en 15 días

As mariscadoras demandan que se investigue a orixe do foco e a "rexeneración integral" da ría.

Ría do Burgo
photo_camera Ría do Burgo

Desde o 9 de marzo as mariscadoras e mariscadores da Ría do Burgo, na Coruña, non poden ir traballar. Os bancos marisqueiros están fechados após detectárense índices de hidrocarburos superiores aos permitidos pola Unión Europea. "É a segunda vez nun mes" que acontece, explica Manuel Baldomir, voceiro d@s traballadores e traballadoras, pois xa en febreiro fecharon durante "15 días". 

"Non sabemos de onde vén", afirma, pois "non hai mancha". Porén, as análises do marisco rexistran índices de hidrocarburos elevados, nomeadamente en San Amaro e Meira. 

Entre as mariscadoras e mariscadores, 59 na actualidade, "o malestar é inmenso", sinala Baldomir, en tanto que os bancos marisqueiros "fechan cada dúas por tres" coas correspondentes "perdas económicas" que carrexan para un sector "por si propio moi vulnerábel". E é que os gastos continúan a ser os mesmos embora non poderen saír traballar. "Bótannos á ruina", sentencia. 

Obras nun dos pantaláns de Repsol

Polo de agora, a orixe da contaminación descoñécese. Tamén a dos verquidos do mes de febreiro pois os resultados das análises realizadas non foron feitos públicos. 

Neste senso, mariscadoras e mariscadores demandaron ás concellarías de Medio Ambiente e Mar que investiguen as razóns destes novos índices. Desde a Xunta aseguraron que o Seprona, Augas de Galiza e mesmo a Autoridade Portuaria están a investigar de onde procede. 

A ollada póusase agora na refinaría de Repsol situada acarón da ría e onde se fechou un dos pantaláns (o número 4) nos últimos días. Desde a petroleira aseguran que non ten a ver cos verquidos pois trataríanse de obras para o levantamento dun pivote de formigón. No entanto, o encerramento do pantalán (2 de marzo) coincide no tempo co incremento da contaminación. 

Nos anos '80 traballaban máis de 2 mil persoas na ría, actualmente só 59

Un sector que vai a menos 

Sexa como for, desde a agrupación de marisqueo a pé continúan a denunciar a situación na que se atopa a Ría do Burgo, un espazo que chegou a empregar "máis de 2 mil persoas nos anos '80" mais que, froito da contaminación foi indo a menos. Na actualidade traballan 59 e só operan no 20% da ría. 

O proxecto de saneamento prometido pola Xunta de Galiza nos anos oitenta continúa aínda sen executar á espera de que entre xullo e agosto deste ano comece o proceso de licitación. "Os verquidos melloraron", di Baldomir, "mais non os fondos mariños" polo que piden "o dragado e rexeneración integral" dun espazo que, afirman, "está así polas verteduras descontroladas mais nalgúns casos autorizadas" que practicaron de maneira continuada as empresas da zona. Mais tamén, lembra Manuel Baldomir, "polo crecemento urbanístico". 

Causas "alleas a nós" que, no entanto, "prexudica o noso traballo" substituíndo a area por lodos. "Estannos a matar e a nos erradicar", conclúe. 

Exixen solucións á Xunta no Parlamento e o Congreso

Através do grupo parlamentar do BNG o conflito orixinado pola nova vertedura chegou ás institucións públicas. Neste senso, exixiron aos gobernos español e galego que actúen perante verquidos "excesivamente frecuentes" que afectan as agrupacións mariqueiras. Neste senso, para alén da investigación correspondente, o deputado nacionalista, Daniel Rodas, instou o goberno galego a desenvolver medidas que palíen os prexuízos económicos do sector e urxiu a desenvolver o plan de saneamento integral prometido.

Pola súa banda, desde a agrupación local do Bloque, o seu portavoz e candidato ás eleccións municipais de maio, puxo en coñecemento da Fiscalía os acontecementos para que actúe de oficio perante as verteduras. 

Aliás, Carril rexistrou un escrito dirixido á Autoridade Portuaria no que solicita acceso a diversa documentación sobre as análises da auga e os controis efectuados sobre Repsol. 

Comentarios