Adolfo Domínguez pretende presentar unilateralmente un novo ERTE, unha vez finalizado o actual por causas de forza maior, baseado en razóns organizativas e produtivas.
Segundo o sindicato CIG, con este expediente reduciríanse 35 postos de traballo e suspenderíanse os contratos doutros 940 en todo o territorio do Estado español, que inclúen todas as tendas e os Servizos Centrais do Polígono de San Cibrao.
A duración que a empresa pretende para este expediente de regulación, indica a central, estenderíase até 30 de xuño de 2021, “polo que, a partires do 1 de xaneiro dese ano, o persoal pasaría a percibir só 50% da base de cotización, ante a negativa rotunda da empresa de complementar economicamente esta prestación.”
A CIG mantén que “a representación da empresa negouse a aceptar a práctica totalidade das reivindicacións que a representación sindical puxo por riba da mesa”.
Así, indican, “nin recuperación do 50% das vacacións e pagas extras non xeradas por estar en situación de regulación temporal; nin a achega dun complemento salarial que rebaixara a perda económica das traballadoras por estar cobrando prestacións do 70% da base de cotización”.