domingo 25/10/20

Os conflitos laborais individuais poderán resolverse fóra da xustiza

O Consello de Relacións Laborais acolleu a sinatura dun novo documento coa participación da Xunta, sindicatos e patronal.

Acto de sinatura do novo documento de resolución de conflios laborais (Europa Press)
Acto de sinatura do novo documento de resolución de conflitos laborais (Europa Press)

O novo acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solucións de conflitos de traballo asinouse esta quinta feira nun acto considerado "histórico" por parte do Consello Galego de Relacións Laborais. Participaron na súa aprobación a Xunta, a patronal e os sindicatos. Como principal novidade este novo documento estende a súa eficacia aos problemas de carácter individual.

Por parte da Xunta asinou o texto o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen cualificou o documento como unha "actualización pertinente" e un "grande adianto" ao engadir os conflitos individuais. O presidente da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) salientou a "utilidade sobradamente acreditada" deste instrumento para a xestión de conflitos de forma "áxil e eficaz".

Satisfacción e reclamacións por parte dos sindicatos

Os sindicatos amosaron a súa satisfacción pola aprobación deste documento mais con reservas. Por parte de CIG, Paulo Carril salientou que "a sinatura representa un paso máis, aínda que con retardo", após censurar as "desconsideracións" do Goberno galego para co Consello e as "constantes ameazas" de centralización neste ámbito. Reclamou tamén unha "profunda reforma" do Estatuto para dotar a Galiza de máis autogoberno.

En nome de UXT, José Antonio Gómez, valorou os "pasos importantes" dados. "Tardamos bastante mais está aquí", afirmou a Europa Press. No acto aproveitou a participación do titular da Consellaría para demandar "dotación orzamentaria" para o Consello Galego de Relacións Laborais.

O responsábel de CCOO, Ramón Sarmiento, valorou que se estenda un servizo púbico "áxil e eficaz" como "mellor exemplo de modernización das relacións laborais na Galiza".

comentarios