Novas mobilizacións para urxir ao Goberno español o indulto para Carlos e Serafín

Esta quinta feira haberá unha concentración apartir das 20 h diante do MARCO en Vigo. Os traballadores continúan a agardar pola resolución do Executivo español.

serafín
photo_camera serafín

 

Ante o silencio diante da solicitude de indulto para os traballadores Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, condenados a tres anos de cadea por participaren dun piquete informativo durante unha folga do sector do transporte en 2009, os sindicatos CIG, CCOO e UGT decidiron reiniciar as mobilizacións para lle reclamar ao executivo de Mariano Rajoy a súa concesión.

A primeira convocatoria terá lugar a quinta feira 11 de setembro coa realización dunha concentración a partir das 20h diante do MARCO en Vigo. As concentracións volverán a ter periodicidade semanal, cada quinta feira. “É fundamental seguirmos a reclamar na rúa que se lles conceda o indulto para evitarmos que dous traballadores acaben en prisión por defenderen os dereitos da nosa clase”, explica o secretario comarcal da CIG na bisbarra viguesa. Serafín Otero lembra, aliás, que “o executivo presidido por Mariano Rajoy xa lle denegou o indulto nun primeiro intento”. 

PRESIÓN POLÍTICA

Os sindicatos chaman a participar desta nova vaga de mobilización para aumentaren a presión sobre o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, e o presidente Rajoy para que “resolvan dunha vez e de maneira afirmativa a solicitude de indulto”. Un reclamo urxente para pór fin “ao sufrimento innecesario que padecen eles e as súas familias ante esta cruel incerteza”. 

Aliás, piden a colaboración social para difundir esta convocatoria e dar a coñecer a gravidade da situación que enfrontan Carlos e Serafín. “Hoxe son eles, mais mañá podes ser ti  a vítima dunha xustiza que deixa impunes aos verdadeiros delincuentes, aos poderosos, corruptos ou banqueiros, e ao tempo afoga con represión ao pobo traballador que se rebela en defensa dos seus dereitos”, claman nun comunicado.

Comentarios