Nova xornada de protestas na planta de Alcoa

Esta tarde hai unha xuntanza entre empresa, Gobernos galego e español e representantes dos traballadores.

alcoa (@kikefoz)
photo_camera Protestas na mañá desta terza feira (@kikefoz)

A Mariña volveu amencer co fume e o lume das barricadas dos traballadores de Alcoa nos accesos á factoría de San Cibrao. Ducias de operarios volveron concentrarse na estrada de acceso en torno a unha barricada de pneumáticos e palés

As protestas decorren nunha xornada importante: esta tarde reúnense telematicamente representantes da empresa, do persoal e dos Gobernos español e galego para abordar o futuro da planta de San Cibrao.

Os traballadores defenden a intervención da factoría como ferramenta para garantir emprego e produción. Neste sentido, a finais da semana pasada o comité demandaba da Xunta que "apoie ao Goberno en calquera medida que poida tomar" para garantir "o cento por cento" dos postos de traballo, "incluída a intervención -se chegase o momento- antes de parar as cubas electrolíticas, o que sería a morte da planta".

Así, insistiuse na necesidade de alcanzar un prezo da enerxía "competitivo" respecto ao resto de Europa, mentres se empraza á Xunta a que achegue "investimentos" para a fábrica.

Alcoa comprou á Sociedade estatal de participacións industriais (Sepi) en 1998 varias plantas, entre elas as 2 galegas, pagando menos de 400 millóns de euros. Hai máis de 20 anos. Desde 1998 a 2011 a compañía gañou perto de 1.500 millóns de euros. E recibiu nunha década máis de 1.000 millóns de euros en axudas públicas.

Comentarios