Nova xornada de greve nos centros de chamadas galegos ante o bloqueo da patronal

A CIG convoca, co apoio da CGT, o segundo protesto do ano no sector despois de meses de negociacións sen éxito para un novo convenio, en suspenso desde hai máis de dous anos. A central sindical denuncia que o persoal acumula perdas salariais desde 2009 que equivalen a unha paga completa.

CIG centros de chamadas greve
photo_camera Xornada de folga en Vigo (Foto: CIG)

O sector dos centros de chamadas galegos volve esta segunda feira ás rúas do país. Unha nova xornada de folga convocada pola CIG, co apoio da CGT, para denunciar o bloqueo continuo da patronal e o inmobilismo dos sindicatos españois nas negociacións para renovar un convenio que leva máis de 26 meses vencido. 

A protesta chega despois da última proposta da patronal para as subas salariais que, segundo a confederación sindical, supón unha nova perda de poder adquisitivo e unha nova precarización do traballo. Desde 2009, calculan que estas perdas salariais equivalen cando menos a unha paga completa.

Desde CIG-Banca sinalan que na reunión da mesa de negociación do convenio do pasado 11 de xaneiro, a patronal volveu a endurecer as súas posicións, una situación que atribúen á falta de mobilizacións unitarias. Así, as empresas rebaixaron de novo a súa oferta para un aumento dos salarios, que era considerada xa insuficiente polo persoal.

Traballadores e traballadoras de empresas como Extel, Atento, Unísono e Abante están chamadas ás mobilizacións que se celebran na Coruña, Lugo, Vigo e Ourense. Un sector que vive unha alta conflitividade laboral durante os últimos meses.

Só en 2016, o sector realizou catro folgas de 24 horas e outras catro xornadas de paros parciais dos servizos.

Só en 2016, realizaron catro folgas de 24 horas e outras catro xornadas de paros parciais dos servizos. Á perda constante de poder adquisitivo polo convenio, hai que sumarlle loitas nas propias empresas polos dereitos laborais como en Extel, onde o cadro de persoal reaccionou contra o anuncio dun ERE, ou en Atento, onde a empresa tratou de impoñer peores condicións de traballo.

A central sindical recorda que mentres as empresas do sector a os seus clientes continúan a aumentar os seus beneficios millonarios, continúan os intentos de recortes. “É fundamental para as traballadoras e traballadores que logren un acordo favorábel aos seus intereses, chocando inevitabelmente cunha patronal que quere consolidar o sector nunha precariedade perenne”.

Comentarios