Unha nova sentenza xudicial denega o cobro dos complementos autonómicos ao profesorado colaborador

Claustro de Fonseca, en Compostela (Universidade de Santiago de Compostela).
photo_camera Claustro de Fonseca, en Compostela (Universidade de Santiago de Compostela).

Unha sentenza do xulgado contencioso administrativo nº 1 de Lugo vén de denegar a un profesor colaborador da USC o dereito ao cobro dos complementos autonómicos, informa a CIG nun comunicado.

O sindicato lamenta a sentenza xudicial, "a todas luces inxusta"·, e na que se nega “o complemento salarial de recoñecemento do labor docente ao profesorado universitario colaborador, nunha liña de actuación coherente coa discriminación manifesta que sofren todas as figuras de PDI non funcionario nin contratado doutor”.

Así, manifesta a central, ao profesorado colaborador súmanse  axudantes doutores, interinos e asociados, “todos prexudicados e inxustamente tratados por decisións locais que van en contra da xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en aplicación da cláusula 4.1 da Directiva 1999/70/CE que prohibe o tratamento diferenciado nas condicións de traballo a persoas que teñan un contrato de duración determinado, a menos que se xustifique por razóns obxectivas”-

CIG-Ensino lembra que ten exercido recursos contra “as denegacións sistemáticas dos complementos autonómicos” a todas as figuras de PDI citadas con anterioridade, alén de reivindicar nas mesas de negociación da propia universidade galega o recoñecemento e extensión deste dereito a todo o profesorado sen excepción.

O sindicato urxe á Xunta a que revise o Decreto 55/2004 para “darlle fin ás penalizacións económicas que sofre o profesorado universitario galego”. Así, considera que a Xunta “non pode continuar cunha interpretación restritiva dos dereitos que lle corresponden ao profesorado que desempeña o mesmo traballo. Desde o sindicato reclamamos ás tres universidades galegas que fagan unha fronte común para reclamarlle ao goberno galego que poña fin a esta discriminación”.

Comentarios