Unha nova greve xeral no horizonte

Miles de persoas toman parte nas mobilizacións dlo Día da clase obreira galega. O secretario xeral da CIG advertiu da posibilidade de convocar unha greve cara maio ou xuño se non se promoven iniciativas para derrogar as reformas laborais e se reverten os recortes en dereitos sociais.

CIG 10 de marzo Vigo
photo_camera CIG 10 de marzo Vigo

“Se nos vindeiros meses non se promoven iniciativas para derrogar as reformas laborais, haberá que ir a unha folga xeral”. No 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, Suso Seixo, secretario xeral da CIG, incidiu en Ferrol na mobilización e a presión social como a vía a través da que a maioría social poida lograr a reversión dos dereitos laborais e sociais perdidos nestes anos. Miles de persoas tomaron parte nas mobilizacións do 10M. A CIG convocou en Vilagarcía e seis das sete cidades, todas agás A Coruña, pois aquí optaron por se sumar á mobilización de apoio aos traballadores en greve de Ferroatlántica. Comisións Obreiras convocou en Ferrol.

“Recuperemos os nosos dereitos” foi o lema das manifestacións do sindicato nacionalista. Na mobilización en Ferrol, Seixo denunciou as consecuencias das reformas laborais de PP e PSOE, que cualificou de ataques á clase traballadora. Unhas “contrareformas” que trouxeron devaluacións salariais, precariedade, temporalidade ou recortes nas prestacións de desemprego. “Aumentan as desigualdades ao tempo que se incrementa o patrimonio das persoas ricas”, resumiu.

O PP xa non goza da maioría no Congreso español. Por iso é posíbel que a oposición impulse vías para proceder a derrogar as reformas laborais e a reverter os recortes en dereitos sociais e laborais. A CIG sinala que a maioría social debe, a través da mobilización, manter a presión sobre esa demanda de recuperación dos dereitos. Seixo apuntou que non se debe de desbotar a convocatoria dunha greve xeral “cara maio ou xuño” se o Parlamento español non lexisla para “botar abaixo”as reformas do PP en temas como o laboral, a negociación colectiva ou as pensións.

“Agardamos que o resto dos sindicatos do estado, tanto os estatais como os nacionalistas, entendan esta necesidade, que esa é a única vía, e que se sumen a esta dinámica no obxectivo de facer máis forza e máis efectiva esa convocatoria de folga xeral”

Comentarios