A nova dirección de Infinita Renovables despide seis traballadores

A reunión que esta cuarta feira mantiveron o comité de empresa e os novos xestores da planta de biodiésel de Infinita Renovables no porto exterior de Ferrol, a empresa Masol Iberia Biofuels rematou co anuncio de despedimento de seis dos 37 empregados que ten agora en plantel.

 
O encontro fora solicitado polos representantes dos traballadores o pasado 26 de febreiro, día no que a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou a cesión de uso das instalacións a Masol Iberia Biofuels. A partir desta mesma sexta feira, 31 empregados de Inifinita serán subrogados por Masol; aos outros seis se lles rescindirá o contrato, malia que nun primeiro momento fontes da empresa aseguraron que se mantería o emprego. Os traballadores de Infinita decidían nunha asemblea as medidas que tomarán para impedir o despedimento dos seis compañeiros que, igual do que o resto, padeceron desde 2011 máis de 25 meses de regulación temporal (ERTE).
 
Parte dunha multinacional indonesia

Masol Iberia Biofuels fai parte do grupo indonesio Musim Mas, unha multinacional que, entre outras cousas, produce o aceite de palma a partir do cal se elabora o biodiésel. Hai que lembrar que desde o ano 2010, o mercado estatal deste biocarburante estivo copado polas importacións procedentes de empresas arxentinas e indonesias, que gravaban en menor medida o produto acabado do que a materia prima da que se extrae. A finais de novembro pasado, a Unión Europea impuxo dereitos antidumping a esas importacións, logo dunha investigación das autoridades da Competencia de máis dun ano.

Comentarios