“Non somos soldados”: Bombeiros da Galiza, Euskal Herria e Catalunya denuncian a "militarización" das emerxencias

Rexeitan a “intromisión” de unidades do exército español en tarefas de protección civil e emerxencias.

bombeiros compostela Imaxe Concellod e Santiago
photo_camera Imaxe de arquivo de bombeiros nunha intervención.

"Os bombeiros seremos sempre vosos, non somos soldados". Así comeza a comunicado conxunto de bombeiros da Galiza, Euskal Herria e Catalunya de repulsa ante a intromisión de unidades do exército español en tarefas de Protección Civil e Emerxencias.

Asinado por sindicatos como CIG e CUT (Galiza), os vascos LAB e ELA, os cataláns I-CSC, BxR, COS, ou CGT, estes profesionais mostran a súa “condena máis forte contra a interferencia” do exército español nestas tarefas e labores. Trátase, segundo indican, de "intervencións cunha cantidade desproporcionada de persoal, vehículos e equipos, que obedecen máis a un impulso político que ás necesidades reais da cidadanía".

"Intervencións cunha cantidade desproporcionada de persoal, vehículos e equipos, que obedecen máis a un impulso político que ás necesidades reais da cidadanía"

Na mesma liña, as e os bombeiros que asinaron o comunicado afirman que "as imaxes de militares que realizan tarefas civís non teñen outra finalidade que xustificar as obscenas partidas económicas que o Estado español destina ao gasto militar e lavar a imaxe dun exército de dubidoso talante democrático”.

"Estivemos en primeira liña desde o principio"

Tamén lembran que eles e elas son "parte do persoal que estivo na primeira liña desde o principio, que padecen unha falta de material que garantise a nosa propia saúde, sen poder acceder á análises de contaxio, con persoal reducido, dobres xornadas e quendas, e en definitiva, poñendo en risco a nosa propia saúde ".

Critican as políticas de austeridade ditadas desde Bruxelas, “ordenadas desde Madrid” e executadas polo Goberno vasco, o goberno de Navarra, a Xunta, a Generalitat de Catalunya, a Generalitat Valenciana e o goberno das Illas Baleares, que segundo as e os bombeiros "deixaron os nosos servizos baixo mínimos".

Recortar servizos públicos

"Os gobernos dos nosos países acordaron con Madrid non apostar por servizos públicos fortes e de calidade, o que supuxo unha precariedade das e dos traballadores e un debilitamento do sector público a favor do capital", subliñan para denunciar o que consideran un situación precaria en saúde e emerxencias.

"O exército foi unha ferramenta de represión e control para oprimir a vontade das liberdades nacionais e dos dereitos sociais dos pobos vascos, galegos e cataláns e de toda a clase traballadora", conclúen.

Comentarios