"Non imos asinar a fin da Mariña"

Traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao presionan para que as Administracións respondan con contundencia fronte á multinacional.
Traballador de Alcoa San Cibrao pisando diante do Parlamento galego un dos carteis corporativos da multinacional norteamericana.(Arxina)
photo_camera Traballador de Alcoa San Cibrao pisando diante do Parlamento galego un dos carteis corporativos da multinacional norteamericana.(Arxina)

"Non pode ser que nós defendamos a industria e a quen pagamos por defendela estea a mirar para outro lado", dicía o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, aos medios de comunicación desde as portas do Parlamento galego en Compostela. Centos de traballadoras e traballadores acudiron ao chamamento feito na xornada anterior coa intención de pór presión no inicio desta lexislatura.

"Reclamamos que poñan solucións sobre a mesa e que obriguen xa a Alcoa a sentarse con Liberty House", teimaba Zan mentres de fondo se escoitaban consignas como "A solución, unha intervención" ou "Feixoo escoita, a Mariña está en loita". Para o responsábel do comité "todos se comprometeron en campaña e agora queremos solucións".

Desde o comité seguen sen entender como unha empresa pode "pisar ao Goberno" rexeitando estar presente na última reunión multilateral que convocou a ministra de Industria, Reyes Maroto. "Terían que ter unha sanción tan gorda como para pararlle os pés", indicaba Zan, "doutro modo están dando a negociación por perdida e iso non pode ser", dicía. 

Negociacións finalizadas

A multinacional norteamericana emitía un comunicado no que daba por finalizadas as negociacións e sinalaba que "tiña quince días para comunicar a súa decisión". Nel insiste en que "foi inviábel unha solución acordada" e reitera que a actual situación provócalles "perdas semanais superiores ao millón de euros".

O presidente do comité respondeu que "a empresa que diga o que queira cando están condenando as comarcas de Lugo a volver aos anos 70" e pretendendo negociar sentados "coa pistola enriba da mesa". A información que chegou ao comité a través da empresa interesada en mercar as factorías de aluminio, a británica Liberty House, de que levaban dous meses tentando sentarse con Alcoa sen éxito non sentou nada ben entre o persoal de San Cibrao.

"O Goberno ten que dicirlle a Alcoa que se sente a negociar e sen condicións", aseguraba Zan, "se alguén ten que pagar os 5 millóns míseros que di Alcoa que perde que o pague quen teña que pagalo", engadía. En relación ao remate das negociacións, Zan deixaba claro que "non imos asinar a fin da Mariña" porque Alcoa "leva facendo a mesma proposta desde que comezou o proceso: apagar as cubas". 

Coincidencia coa autoridade laboral

"A nosa proposta é moi semellante á da autoridade laboral: que suspenderan o proceso de expediente de regulación de emprego (ERE) e volver unha vez pasadas seis semanas se non se chegaba a un acordo entre Alcoa e Liberty House", indicaba Zan, que engadía que "teñen que obrigarlles e se non queren que entreguen as chaves, que a factoría xa era do Estado antes de que chegasen eles".

En caso de que Alcoa siga sen aceptar entrar a negociar a venda da factoría desde o comité, din que "se ten que volver á Sepi (Sociedade estatal de participacións estatais) que volva, aínda que sexa por un minuto para despois vendela a outro".

Comentarios