'Non hai Disiclín que pare este motín': Traballadoras da limpeza marchan en Santiago por un convenio "digno"

Exixen unha suba salarial nun sector "precarizado, feminizado" e con soldos "moi baixos"

limpeza folga europa press
photo_camera (Foto: Europa Press)

Traballadoras do sector da limpeza, na terceira xornada de folga convocada por CIG, UXT e CC.OO. para reclamar un convenio "digno" nas negociacións -polo momento rotas- coa patronal, manifestáronse esta cuarta feira en Santiago con fregonas amarelas e consignas como 'Non hai Disiclín que pare este motín'.

'Somos limpadoras e non escravas' foi outro dos cánticos coreados polas manifestantes, que marcharon desde a rotonda do campus sur compostelán até o complexo administrativo da Xunta en San Caetano.

Á Administración galega demándanlle, de feito, que impulse as conversas coas empresas, que rexeitan a suba salarial do 1,5% para 2020 e do 2,5% para 2021 que reclama un sector "feminizado, precarizado" e con soldos "moi baixos".

Na mobilización puidéronse ver, ademais das fregonas amarelas coas que xa simbolizan as súas protestas, carteis con alusións directas a compañías como Eulen, e indicacións a que o seu é un servizo "esencial" -no contexto de crise sanitaria- que esixe un convenio "xusto".

Segundo os cálculos do portavoz do comité de folga, Paulo Rubido (CIG), na protesta de hoxe, á que estaban chamados a sumarse persoal de limpeza da universidade e da Xunta, participaron unhas 400 persoas.

Neste escenario, o próximo 3 de xuño terá lugar no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) a vista polo conflito colectivo que presentaron para conseguir o plus de transporte, e esperan unha reunión con Presidencia para abordar esta cuestión.

Arredor dun 95% do persoal do sector de limpeza son mulleres. Na súa inmensa maioría teñen contratos a tempo parcial e os seus salarios apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional aínda que a maioría ingresan anualmente entre 8.000 e 10.000 euros. Unha situación que non padecen a meirande parte dos seus compañeiros homes, que copan a maioría dos contratos a xornada completa e teñen, polo tanto, aínda que baixos, mellores salarios.

Comentarios