ENTREVISTA SUSO SEIXO

“Non están os tempos para pacto social”

Sermos Galiza entrevista a dupla páxina ao secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que fai parte do número 186 do semanario, xa na rúa e na nosa loxa.

suso seixo CIG
photo_camera suso seixo CIG

Este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, a CIG centra a súa mensaxe en pedir que se finiquiten as reformas laborais e a Lei Mordaza.

Ten moito a ver co momento político que estamos a vivir, cun posíbel cambio de Goberno, se é que chega a callar. Non hai maiorías absolutas, polo que se abre unha porta para reivindicar a derrogación dunhas leis que foron profundamente negativas, quizás das máis negativas que ditou o Goberno do PP. Son dúas medidas (reforma laboral e Lei Mordanza) que teñen moito a ver coa situación á que se levou a clase traballadora. Todo o que ten a ver coa reforma laboral, despedimentos, contratación, negociación colectiva... déixanos un mercado con máis precariedade, con man de obra barata para as empresas.Todo isto supuxo cambiar emprego fixo por temporal, caídas nos salarios... en definitiva, debilitar a clase traballadora e aumentar marxe de beneficios das empresas. E iso foi da man con medidas como a Lei Mordaza, que procura evitar e punir a contestación e mobilización social contra unhas medidas tan lesivas como as que aproba o PP. Esta lei é un instrumento á medida da dereita e do poder, de aí que sexa importante conseguir que se derrogue.

"Non hai maiorías absolutas, polo que se abre unha porta para reivindicar a derrogación dunhas leis que foron profundamente negativas, quizás das máis negativas que ditou o Goberno do PP"

Nestes anos de crise, Galiza rexistrou un nivel de conflitividade laboral e de mobilizacións moi alto, como recollen diversos informes anuais. E iso mesmo en condicións adversas. Por que ese nivel?

É raro o día nalgunha comarca. deste país onde non estea a CIG metida nalgún tipo de ‘movida’. Aquí desde 2010 houbo catro folgas xerais, e embora non ser a zona máis industrializada do Estado, rexistramos algunhas das mobilizacións máis masivas e con maior afluencia a nivel estatal. Aquí houbo un nivel de confrontamento e resposta ás políticas do PP moi grande, e iso ten a ver coa existencia dun sindicalismo nacionalista.

miniatura paxina suso seixoComo están actualmente as relacións cos outros sindicatos maioritarios, CCOO e UGT, após a sinatura coa patronal do ‘pacto social’. Hai condicións para axir con unidade sindical?

É moi difícil. Pode habelo en cuestións puntuais, para actuar en determinados conflitos concretos, en certas empresas... agora, a nivel global, é moi difícil chegar a un acordo con eles, están nunha dinámica sindical moi distinta á nosa e que entendemos prexudicial. Non é entendíbel que na situación na que estamos, con medidas moi duras por parte do Goberno, cunha patronal exixindo ir a máis en reformas laborais e recortes de dereitos, CCOO e UGT escollan o camiño do pacto, de colaborar co poder... Para nós esa opción é ‘entreguismo’. Non están os tempos para ‘pacto social’. Agora, xa digo, iso non desbota en cuestións puntuais.  

A íntegra da entrevista tela no Sermos186, ao teu dispor nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.

Comentarios