A Nissan si e Alcoa non? As forzas políticas españolas "discriminan" Galiza

O Partido Socialista promove unha carta dirixida ao presidente da Nissan para tratar de evitar o peche da súa planta en Barcelona, mais non fai o propio coa de Alcoa en San Cibrao a pesar da petición do BNG.
Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Cervo).
photo_camera Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Foto: Nós Diario).

O Partido Socialista promoveu durante a xornada de hoxe o envío dunha carta dirixida ao presidente e conselleiro delegado mundial da Nissan, Makoto Uchida, na que se reclama a continuidade da planta que a multinacional xaponesa da automoción pretende pechar en Barcelona.

Porén, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) decidiu non unirse á iniciativa do partido do presidente do Goberno español por non desenvolverse unha iniciativa similar coa planta de Alcoa en San Cibrao, que tamén está previsto que peche, destruíndo máis de 800 empregos. "Unha vez que non houbo resposta positiva por parte do PSOE, o BNG optou por non asinar a carta dirixida ao presidente de Nissan, por considerar que se estaba ante unha clara discriminación por parte das forzas do Goberno ao noso país e aos intereses do pobo galego", remarcou o deputado Néstor Rego.

O BNG tamén advertiu de que "tampouco se viu ao PP acordarse dos traballadores de Alcoa e de reclamar que tivesen o mesmo trato".  "O Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, alén de se dedicar á propaganda, terá que explicar por que os deputados e deputadas galegas non fixeron valer os intereses do noso país para reclamar o mesmo trato para a planta de Alcoa", engadiu a forza nacionalista.

Ademais, reclamou de PSOE e Unidas Podemos que exerzan a súa "responsabilidade de Goberno" para garantir a actividade empresarial e a continuidade dos postos de traballo. "No caso de Alcoa é evidente que a única alternativa real de que isto sexa así é procedendo á nacionalización da empresa para que retorne ao sector público, unha posición que, por certo, defendía a actual Ministra de Traballo -a galega Yolanda Díaz- cando estaba na oposición. O que se precisa, por tanto, é menos propaganda e máis actuacións políticas decididas por parte do Goberno para salvar os postos de traballo", concluíu o BNG.

Comentarios