“Neste conflito hai tres responsábeis: Sogama, PP e a Xunta”

Esta cuarta feira está previsto que comece a greve indefinida dos traballadores da concesionaria dos transportes de residuos da Sociedade galega de medio ambiente na defensa dos postos de emprego. 

sogama

“Exiximos que Sogama solucione o problema que ela propia creou”. Inacio Pavón, da CIG, sitúa a empresa perante a súa responsabilidade nun conflito laboral que pode acabar con 69 traballadores na rúa. “Estamos a falar de 69 familias, de 69 postos de emprego nunha comarca rural como esta -Ordes-, o que é un impacto moi forte”, explica Pavón, que atende a chamada de Sermos Galiza recén saído dunha xuntanza. Para esta cuarta feira está fixado o inicio dunha greve indefinida dos operarios do transporte de residuos urbanos de Sogama, que presta a concesionaria, 'Transportes Pellejero e Hijos'. Na plica de concurso da nova contrata Sogama non incluiu a obriga de subrogación. Consecuencia? Que a partir do 1 de marzo 69 operarios, entre camioneiros, mecánicos e persoal de oficina poden ficar na rúa. “O problema que estamos a padecer xenérao Sogama cando non inclúe a subrogación na plica”. A nova concesionaria -Copasa- os traballadores pídenlle “o mantemento dos postos de traballo e o mantemento das concións laborais”. Copasa estaba disposta a continuar con parte do cadro de persoal, mais este tería que renunciar a determinadas condicións que posúe. “Precarizarse”, resume o representante da central sindical nacionalista.

"Estamos a falar de 69 familias, de 69 postos de emprego nunha comarca rural como esta -Ordes-, o que é un impacto moi forte”

Desde o persoal tamén se refutan as 'xustificacións' que se están a ofrecer para reducir persoal, indica Inacio Pavón, en refrencia a que un 55% da mercancía até a planta vai ser transportada por tren polo que non cúmpre tanto transportista. “Como mínimo, durante 2 anos o transporte por estrada e por tren vaise manter nas procentaxes actuais, polo que non se xustifica estes despedimentos agora con iso”. E, engade, que mesmo cando se dea ese volume do 55% transportada por comboio, iso non xustifica tantos despedimentos. “A merda ao tren non vai soa”, ironiza o sindicalista, referíndose ao transporte do lixo até os comboios.

Pavón lembra que o domingo 21 haberá unha manifestación con saída ás 13:00 horas da Alameda de Ordes para apoiar a reivindicación dos traballadores e o emprego na comarca. E para sinalar os responsábeis desta situación, "Sogama, PP e a Xunta", para que lle dean solución.

Comentarios