Traballador@s de Navantia, a Madrid: 'cumpran co prometido'

O naval ferrolán volverá saír á rúa para lembrar ao goberno español que non abandonarán a mobilización "até que o nivel de emprego sexa o óptimo". En asemblea, @s traballador@s aprobaron unha nova axenda de mobilizacións que dará comezo esta quinta feira nas marchas da Alianza Social galega

Sen carga de traballo e con taxas de desemprego que sitúan a comarca de Ferrolterra ao borde do colapso, o comité de empresa de Navantia acordou esta cuarta feira en asemblea un novo calendario de mobilizacións. Cun acto simbólico na céntrica Praza de Armas, @s traballador@s dos estaleiros de Ferrol-Fene lembraron a Madrid cales foron os compromisos acadados que, até o momento, fican sen cumprir e algunhas das cuestións que manteñen en xaque a Navantia e o seu plantel. 

"Dique si / Veto non / Flotel si". Esa é a mensaxe que pintaron integrantes do comité de traballador@s de Navantia no chan de Ferrol para exixiren ás autoridades españolas --mais tamén galegas-- que se cumpra co prometido, pois, lembran, o flotel concedido para a súa construción no estaleiro público "continúa sen ter datas certas" e outro buque anunciado por Cristóbal Montoro no Congreso de deputad@s non é máis, din, que un "anuncio virtual". 

Entrementres a construción do dique flotante continúa paralizada e mantense o veto á construción naval civil, o que impide a Navantia acadar novos contratos para alén da administración pública. Así é que o presidente do comité, Ignacio Naveiras, salientou que é "o desemprego" o principal "problema de Ferrolterra", polo que "temos que seguir presionando pola carga de traballo dos estaleiros".

 "Non imos abandonar a senda da mobilización"

Unha loita que volverá á rúa a partir desta quinta feira. @s traballador@s acordaron en asemblea aprobar un novo calendario de mobilizacións que comezarán este 27 de febreiro da man da Alianza Social Galega. Asemade, e coincidindo coas festas de Entroido, o comité tomará parte do desfile de comparsas para exixir carga de traballo. 

Tamén así, o vindeiro 12 de marzo convocan unha marcha até a factoría de Perlío para amosaren "a nosa disconformidade co cambio de rumbo da empresa e, polo tanto, do Goberno central, a respecto da participación da antiga Astano nos traballos do flotel", sinalou Ignacio Naveiras.

E o día 27, unha concentración face o edificio de Facenda lembrará a Madrid que urxe unha solución en forma de traballo para os centros de traballo da ría. Finalmente, a campaña rematará cunha mobilización comarcal cuxa data fica aínda pendente mais que podería ter lugar a finais de marzo ou comezos de abril. 

"Non imos abandonar esta senda da mobilización", advirten, até "que o nivel de emprego sexa óptimo". 

Imaxes tiradas do Twitte @AlvaroSeco, @Drahthar, @maria_panblanco

 

Comentarios